•  A portavoz municipal, Olga Louzao, criticou con dureza o estado no que se atopa este punto neurálxico da cidade no que conflúen ata oito vías diferentes e que presenta un firme deficiente, sofre falta de sinalización horizontal e conta cun mantemento insuficiente nas zonas verdes e o mobiliario público

 

Lugo,  16 de xaneiro de 2020. A voceira  municipal de Cs, Olga Louzao, denunciou esta mañá o abandono que sofre por parte do Goberno local a praza Fonte dos Ranchos. A edil da formación laranxa criticou con dureza o estado no que se atopa este punto neurálxico da cidade no que conflúen ata oito vías diferentes e que presenta un firme moi deficiente, sofre falta de sinalización horizontal e conta cun mantemento insuficiente no seu mobiliario público e nos xardíns Ibáñez Méndez e Simón Bolívar. «É inadmisible que un dos puntos estratéxicos da nosa cidade presente tal número de fochancas e de tales dimensións. Sen dúbida é un dos puntos que rexistra un maior tránsito de vehículos a diario  xa que desde esta praza distribúese o tráfico para toda a zona norte. Ademais é un dos principais accesos á nosa urbe», afirmou Louzao.

A portavoz municipal instou ao Goberno local a levar a cabo unha actuación integral nesta praza de forma urxente. «É inadmisible a inacción de Méndez e Arroxo nesta zona da cidade. É necesario que se renove a capa de rodadura e que se mellore a sinalización horizontal con urxencia. Ademais o Goberno local debe mellorar os equipamentos e o mobiliario público nos xardíns de Ibáñez Méndez e Simón Bolívar», proseguiu Louzao.

«Cando se redactaron os orzamentos advertimos da situación na que se atopa esta praza pero non se previu nin un só euro no documento para realizar unha mellora ao longo de 2020. Existe unha falta de previsión total por parte do executivo en relación ao mantemento de infraestruturas. Están totalmente desbordados pola inacción socialista ao longo dos últimos oito anos e agora empézase a ver o deterioro da cidade no seu conxunto», sinalou Louzao.

Deterioro dos xardíns Ibáñez Méndez e Simón Bolívar 

«Existe un deterioro nas papeleiras, moitas delas perderon a parte superior do seu deseño polo uso. Ademais puidemos contabilizar polo menos tres puntos onde a balaustrada sobre os pasos a nivel está rota e supón un claro risco para a seguridade dos peóns. Por outra banda hai un baño de obra facendo as funcións de baño público desde hai anos e o mobiliario dos parques está moi deteriorado», concluíu a edil.