·  A portavoz de Cs, Olga Louzao, aposta por un servicio de canguraxe para garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no mundo laboral. O sistema, xa implantado en outros concellos do país, como Vigo, Coruña, Nigrán ou Barcelona estáse a mostrar moi efectivo. Critica a nula vontade do Goberno por promover a conciliación familiar

A voceira municipal de CS, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo propoñerá no pleno do vindeiro xoves crear un servizo de atención á infancia a domicilio que permita cubrir necesidades puntuais de conciliación das familias lucense. «Non é de recibo que un Goberno local que se declara feminista, non traballara nesta liña no que vai de mandato. O bigoberno ten que ter presente que o custe persoal, social e emocional ante as dificultades existentes na actualidade para conciliar, está sendo soportado na inmensa maioría polas mulleres. Son múltiples os estudos que así o amosan e puidémolo comprobar durante a pandemia. De aí que é fundamental seguir avanzado para que deixe de ser un desexo e se poida converter nunha realidade», afirmou a edila da formación laranxa.

«Por iso vemos necesario crear un servizo municipal de canguraxe. Unha  atención á infancia a domicilio, desde os 4 meses ata os 12 anos, tanto en horario diúrno como nocturno,  que lles permita cubrir necesidades puntuais de conciliación. Así, os proxenitores poderán dispor dunha axuda externa de profesionais no seu domicilio durante aquelas horas nas que por motivos distintos, lles resulta imposible atender aos menores, e que terá un custe asociado ao seu nivel de renda e ao tempo que se solicite, e ao que se recorrerá con previa inscrición de demandante para poder optar ao servizo no momento no que se precise, sempre solicitándoo con antelación suficiente», explicou.Louzao considera que esta opción podería incluírse dentro do actual programa municipal de Aprende Xogando, xa que o tipo de empresas que prestar este servizo para o Concello xa contan con profesionais coa cualificación necesaria para levar a cabo este labor. «Lamentablemente este programa que, a día de hoxe, ten o seu contrato caducado.

Resulta incomprensible que non se teña avanzado no mesmo tendo en conta o inicio do curso escolar, para contar cun servizo actualizado e no que o proxecto educativo que se presente polas distintas opcións sexa un aspecto fundamental a ter en conta nos pregos á hora da licitación, tal e como xa solicitamos desde o noso grupo no mandato anterior» criticou. «Esta opción xa leva anos funcionando en distintos concellos como o de A Coruña, Vigo, Barcelona e recentemente acábase de implantar en Nigrán e o seu nivel de demanda fai que sexa un servizo recoñecido e posto e valor polas familias que o solicitan», relatou. «De nada serve anunciar accións de captación de empresas e, como consecuencia, de creación de emprego, coa finalidade de medrar e fixar poboación que desenvolvan o seu proxecto vital na cidade, se ao mesmo tempo, non se posibilita contar con axudas que lles permitan compaxinar a súa carreira profesional coa vida familiar», concluíu Louzao.