• David Díaz, actual coordinador da agrupación local de Cidadáns (Cs) en Pontevedra, será o candidato da formación nas próximas eleccións municipais previstas para 2023.

O comité autonómico de Cs , recentemente renovado, confirmou este sábado os tres primeiros nomes dos alcaldables da formación laranxa nas cidades galegas: Olga Louzao, actual portavoz galega, será a candidata en Lugo; Manuel Moinelo será candidato na Coruña; e David Díaz en Pontevedra.

O propio David Díaz confirmou este domingo este nomeamento lembrando que é afiliado desde 2014 e desempeña a función de coordinador da agrupación pontevedresa desde xaneiro deste ano.

Estas confirmacións realizáronse no seo dunha visita a Lugo da presidenta estatal de Cs, Inés Arrimadas, e dun encontro con afiliados e simpatizantes.

A actual Xunta Directiva de Cs en Pontevedra estivo representada en Lugo tamén por Andrés López, secretario e responsable de loxística; e José Rivadulla, responsable de relacións institucionais e veciñais.