·    A portavoz municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, criticou o funcionamento do rexistro municipal que está causando problemas de diversa índole aos veciños e veciñas do municipio pola lentitude do sistema de atención a través de cita previa Lugo, 01 de decembro de 2020.  A portavoz municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, criticou esta mañá con dureza ao Goberno local ao que responsabiliza do improdutivo funcionamento do rexistro municipal. A concelleira denunciou que o sistema de cita previa instaurado como consecuencia da situación derivada da pandemia do Covid é totalmente ineficaz e é necesario revisalo e melloralo para dar unha atención adecuada a cidadanía. «O dilatado período entre a solicitude da cita e a atención, que nestes momentos sitúase na contorna dos 15 días, fai que moitos veciños vexan os seus trámites comprometidos pola falta de dilixencia do Goberno local. Todos os días recibimos queixas de veciños e veciñas que non poden realizar trámites tan básicos como o empadroamento ou a presentación de documentación en tempo para optar a axudas ou subvencións. Isto carrexa problemas de distinta natureza que se traducen en perdas de axudas públicas, en prazos perdidos con risco de sanción ou na incapacidade de obter licenzas ou facer efectivas matrículas escolares», informou a edila da formación laranxa.  Louzao esixe ao Goberno local que axilice o funcionamento do rexistro municipal como ferramenta básica de comunicación entre a administración e a cidadanía. «É necesario reforzar o persoal e ampliar os horarios de atención. Estamos atravesando unha crise sociosanitaria sen precedentes ante a que os veciños de Lugo vense desamparados por non poder cumprir prazos administrativos básicos como trámite para exercer os seus dereitos. A xestión deste asunto por parte do Goberno local é lamentable e atopámonos ante unha situación de bloqueo gravísima», apuntou.Mostra desta ineficacia é a decisión do Goberno local de habilitar a un funcionario para tramitar a documentación da axudas para o estudo para os traballadores municipais  «en aras de evitar prexuizos ou atrasos aos empregados públicos municipais», como sinala a notyifiación do Concello. «Prexuízos que con todo sofre o conxunto da cidadanía desde o pasado mes de maio sen que este Goberno mova un só dedo para reverter a situación. É necesario que o rexistro empezo a funcionar de forma efectiva de xeito inmediato, que o Goberno recoñeza o seu grave erro e que se enmende esta situación», comcluíu.