A portavoz municipal, Olga Louzao, aboga por cortar o tráfico rodado para que nenos e adultos conten co espazo de seguridade necesario de cara ás saídas previstas para esta fase inicial da desescalada
Lugo, 29 de abril de 2020. A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, propuxo esta mañá peonalizar a Rolda da Muralla durante os fins de semana para garantir a distancia social de cara á nova fase da desescalada na que se permitirá paseos familiares e a práctica de deporte.«No radio dun quilómetro desde a Rolda concéntrase gran parte da poboación urbana da cidade. É necesario contar cun espazo que permita albergar a esta poboación de cara ás saídas previstas para o vindeiro domingo. Debemos evitar concentracións e aumentar a superficie peonil limitará os contactos. A Rolda é o lugar idóneo para facelo xa que previsiblemente a contorna da Muralla será unha das zonas máis concorridas», sinalou a edila da formación laranxa.
«Se ás saídas cos nenos sumamos os paseos dos núcleos de convivencia e a práctica deportiva o resultado é moita xente nun mesmo lugar á mesma hora. O Goberno local debe limitar na medida do posible contactos innecesarios. A superficie de metros cadrados que proporciona esta vía é un recurso que debe ser posto en valor», agregou.«Consideramos que, coa redución dos desprazamentos persoais, cortar o tráfico na Rolda durante unhas horas os fins de semana non supoñerá un problema para a mobiilidade. De feito xa existen itinerarios alternativos tanto para o transporte público como privado», dixo.
Unha antiga reivindicación de Cs
Louzao recordou que peonalizar a Ronda durante os fins de semana é unha proposta incluída no proxecto de xestión urbana da formación laranxa.«Consideramos que o mellor xeito de avanzar cara a unha Rolda da Muralla onde os transeúntes sexan a máxima prioridad é desenvolver medidas deste tipo onde se pode calibrar á perfección o impacto sobre o tráfico e a mellora na calidade de vida da cidade. Na situación que atravesamos motivada pola pandemia do Covid-19 o valor estratéxico da esta vía como potencial zona de expansión é incalculable. O Goberno local non pode obviar este asunto, nestes momentos trátase dunha necesidade de primeira orde xa que contribuirá a garantir a seguridade dos lucenses. Ninguén quere atoparse cunha cidade desbordada o vindeiro domingo», concluíu.