- A voceira municipal, Olga Louzao, solicita que se implementen bonificacións fiscais para axudar as pequenas e medianas empresas durante o periodo que dure a crise
Lugo, 15 de marzo de 2020. A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, solicitou esta mañá que se poña en marcha por parte do executivo local un Plan Dinamizador da Economía Local para mitigar o impacto de Covid-19. «O Goberno local debe evitar na medida dos posible que se pechen empresas. As consecuencias desta pandemia poden ser devastadoras para a nosa economía. É necesario protexer á pequena e mediana empresa», sinalou a edila da formación laranxa.
Para iso Louzao propón un paquete de medidas encamiñadas a aliviar a presión fiscal sobre pequenas e medianas empresas. «O Concello ten que aportar solucións dentro do ámbito das súas competencias para limitar os efectos desta crise. Debemos transmitir confianza aos autónomos anunciando canto antes unha descarga fiscal nos principais impostos. Deste xeito Cs Lugo aposta por modificar a Ordenanza 204 para introducir bonificacións do máximo legal no Imposto sobre actividades económicas (IAE) durante 2020. Tamén considera necesario introducir modificacións para que os vehículos de uso profesional sexan bonificados no pago do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica no próximo período de pago fiscal en que sexa posible aplicar dita bonificación», apuntou Louzao.
Do mesmo xeito Cs Lugo considera prioritario modificar a Ordenanza 108 que regula a recollida de residuos sólidos urbanos para que os negocios que non sexan considerados de primeira necesidade e que se viron afectados polo cese de actividade estean exentos de pagar este tributo na porcentaxe correspondente a duración da crise. O mesmo sucede coa Ordenanza 109 que regula a subministración do auga. «Débense introducir bonificacións na 109 para compensar as perdas polo cese de actividade durante o tempo que dure o estado de alarma». De forma especial, e orientado ao mundo da hostalería e a restauración, Louzao pediu que o Goberno local sexa comprensivo e faga as modificacións legais necesarias para que non se pague polo uso do espazo público para instalar terrazas por que estas terrazas non se están explotando na actualidade.
Liña de axudas ao aluguer de locais
Ademais a concelleira da formación laranxa pediu que se habilite unha liña de axudas específica para que os empresarios e empresarias do noso municipio que levan a cabo a súa actividade nun local alugado poidan facer fronte a este gasto. «As axudas ao aluguer poden evitar os despedimentos. Debemos articular mecanismos que permitan ás pequenas e medianas empresas acceder a axudas para o aluguer de locais. Do mesmo xeito debemos introducir bonificacións no IBI para os empresarios propietarios de locais e para aqueles arrendadores dispostos a bonificar o importe do imposto deducido sobre a tarifa do aluguer», sinalou.
«Canto antes se anuncien medidas deste tipo por parte do Goberno local antes trasladaremos como institución tranquilidade aos lucenses e deste xeito evitaremos o peche de negocios e a destrución de emprego. O Goberno local debe actuar xa», concluíu Louzao.