- A voceira municipal, Olga Louzao, critica o desinterese do goberno bipartito por modificar o Regulamento Orgánico Municipal cuxa actualización foi aprobada pola corporación en setembro do 2016, desde entón está pendente constituír a mesa de traballo na que estean representados todos os grupos para propoñer cambios
Lugo, 5 de marzo de 2020. A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a presentar «dunha vez» o proxecto para modificar o Regulamento Orgánico municipal. «En setembro de 2016 a corporación aprobou impulsar a modificación deste documento e poñer en marcha unha mesa de traballo con ese fin ao longo do primeiro trimestre de 2017. Esta proposta foi apoiada por unanimidade e contou co voto favorable do grupo municipal socialista e dos concelleiros do BNG. Con todo, Lara Méndez e o seu goberno bipartito meteron este asunto nun caixón como tantos outros, nunha demostración máis do seu desinterese por aportar solucións aos problemas da vida municipal», sinalou a concelleira da formación laranxa.
«O ROM é a norma que determina a organización e funcionamento da actividade municipal. Asistimos perplexos ao bloqueo institucional promovido polo Goberno local, que, unha e outra vez, ignora os acordos plenarios que se aproban ata cos seus propios votos a favor», sinalou Louzao quen acusou a Méndez de facer política «de cara á galería». «Debemos recordar que os acordos plenarios son actos administrativos cuxo cumprimento debe garantir a alcaldía e vixiar a secretaría xeral do Pleno», sinalou Louzao. «Non existe nin o máis mínimo respecto institucional, o Goberno local ignora os acordos plenarios e goberna única e exclusivamente a través da Xunta de Goberno local. Por iso é tan necesaria esta modernización do ROM» asegurou.
«A actualización do Regulamento Orgánico Municipal permitiría gañar en axilidade e profundar en calidade democrática. Ademais é indiscutible que aportaría unha maior eficacia á xestión municipal. Desde Cs consideramos que esta modificación do ROM debe ser redactada coas achegas dos grupos da oposición, por iso solicitamos a mesa de traballo. Todos os grupos da corporación son coñecedores de que o actual regulamento presenta innumerables deficiencias e dificulta o traballo político dentro da institución, así o recoñeceron tanto PSOE como BNG no pleno de 2016 a través de Miguel Fernández e Rubén Arroxo», apuntou a edila. «Necesitamos un Reglamento Orgánico Municipal adaptado ao século XXI, máis participativo, máis áxil, máis xusto e máis operativo», concluíu a portavoz.