- O concelleiro Juan Vidal pide medidas urxentes para evitar que as motos e ciclomotores utilicen a Ponte Romana como atallo, alerta do malestar entre os veciños da zona e aposta por un sistema similar ao contratado para acceder ás zonas peonís do casco histórico
Lugo, 11 de decembro de 2019. O concelleiro de Cs Lugo Juan Vidal instou esta mañá ao equipo de Goberno a solucionar o problema de seguridade viaria que representa o tránsito de motocicletas e ciclomotores pola Ponte Romana. «Trátase dunha práctica habitual e estendida sobre a que non existe ningún tipo de control. A ponte utilízase polos condutores deste tipo de vehículos para atallar no acceso á Estrada vella de Santiago e desde está vía á Calzada Romana. O Goberno local debe tomar medidas xa», asegurou o edil da formación laranxa.
Cs Lugo aposta por instalar un sistema de cámaras de lectura de matrículas para detectar aos infractores e como medida disuasoria. Trátase dun sistema similar ao xa contratado e instalado en puntos estratéxicos de acceso ao casco histórico, pero aínda máis sinxelo e económico. Así mesmo CS considera que, ata a instalación deste dispositivo, a presenza da policía local debería ser máis frecuente na zona para garantir a seguridade vial. «O tránsito de motos pola Ponte Romana supón, ademais dun risco para a seguridade dos peóns, un problema para os residentes da zona. Ademais debemos ter en consideración que se trata dun monumento histórico que debe ser preservado», proseguiu o edil.
Vidal revelou que nos últimos meses o Grupo Municipal de Cs Lugo está recibindo constantes queixas por parte de usuarios do paseo do Río Miño e por parte de veciños da zona. «Entendemos que o Goberno local debe actuar. Estas queixas non poden ser ignoradas por parte do Concello durante máis tempo. Trátase dun problema real ao que se debe poñer solución coa máxima brevidade. O Concello debeu acometer a contratación deste servizo á vez que contratou o novo sistema de lectura de matriculas no acceso ao casco histórico. Deste xeito, probablemente, aforraríase tempo e diñeiro», concluíu.