• María Rey esixe ao Concello que habilite de forma urxente unha partida de 40.000 euros para garantir en outubro o servizo a todos os escolares que quedaron en lista de espera

Pontevedra, martes 21 de setembro de 2018. A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, esixiu hoxe o apoio de todos os grupos municipais para que o Concello habilite unha partida urxente destinada a sufragar o servizo de comedor escolar aos 65 nenos que se quedaron en lista de espera para as 32 prazas que sufraga o Concello. A maiores, esixe un cambio na regulación deste servizo “que garanta que ningún neno quede fóra dos comedores escolares”.

Rey lembra que o servizo de comedores escolares xestiónao a Federación de Asociacións de Nais e Pais da provincia de Pontevedra a través dun convenio co Concello, orzado en 240.000 euros. Das prazas de comedor existentes, o Concello sufraga un total de 32 a través do departamento de Servizos Sociais, unha cifra que para a concelleira resulta “bastante ridícula”. Pero este curso 65 escolares quedáronse fóra destas axudas. Por iso, esixe “habilitar unha partida urxente para que ao 1 de outubro ningún neno quede sen este servizo”. “Despois de garantir que todos os escolares que o solicitaron están dentro do programa de comedores -afirma-, será a hora de resolver este problema como se teña que resolver, a través dunha convocatoria pública con bases, para que non volva darse unha situación tan vergoñosa no futuro. Se a responsabilidade é da Xunta, da Deputación, ou de Nacións Unidas xa se discutirá cando haxa que facelo. Primeiro hai que resolver este grave problema”.

A concelleira de Cidadáns Pontevedra criticou así mesmo o feito de que estas axudas comecen en outubro, cando as clases xa comezaron o 12 de setembro. Así mesmo, Rey subliña que hai que recuperar a axuda para material escolar de 0 a 3 anos, “que existía anteriormente, do mesmo xeito que a convocatoria pública para comedores”. “O que non podemos é ir perdendo dereitos”.