O concelleiro Xesús Expósito solicita á alcaldesa que convoque a todos os grupos políticos a unha Mesa de Traballo específica para definir o destino dos 12,5 millóns de euros do proxecto Muramiñae “e poñerse a traballar de inmediato para que non nos colla o tren, como está a acontecer co Urban”
O Goberno de Lara Méndez contratou o pasado 3 de xaneiro unha nova asistencia técnica coa empresa Pricewaterhousecoopers por importe de 21.000 euros para reaxustar a estratexia presentada e elaborar un “manual de procedementos”
Lugo, 31 de xaneiro de 2017. O Grupo Municipal de Ciudadanos no Concello de Lugo solicita á alcaldesa dea participación a todos os grupos políticos na posta en marcha do proxecto Muramiñae, para que sexa “un proxecto de todos os lugueses”. “Este é un deses proxectos de cidade que ten que contar coa implicación e o consenso de todos”, defende o concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito, que lembra que “no momento de ser solicitado xa contou co respaldo unánime no Pleno dos 25 membros da corporación municipal”.
O Muramiñae é un proxecto medioambiental financiado con fondos europeos que pretende a conexión da Muralla co río Miño a través do Carme. O proxecto xorde a raíz dunha iniciativa presentada polo grupo munivipsl de Ciudadanos e foi incluído na Estratexia EDUSI, aprobada polo Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas cun importe total de 12,5 millóns de euros, financiado nun 80% (10 millóns de euros) con fondos Feder europeos e nun 20% (2,5 millóns de euros) con aportacións propias do Concello de Lugo.
A totalidade do Orzamento está repartido en 7 exercicios económicos, desde o ano 2016 ao ano 2022, ambos incluídos, polo que Jesús Expósito solicita “que o Goberno municipal se poña a traballar de inmediato para que non nos colla o tren, como está a pasar co Urban, que a dous meses de que finalice o prazo aínda non está rematado, co risco de perder 4 millóns de euros de subvención europea”.
Jesús Expósito considera que “integrar o Miño na cidade a través do Carme é un proxecto complexo porque esixe acordos cos propietarios e unha planificación urbanística acorde aos obxectivos que se perseguen de lograr a protección deste entorno e o enlace mediante unha zona verde da Muralla co río Miño”, polo que pide ao Goberno municipal “que non perda nin un minuto e se poña a traballar de inmediato”.
Mesa de Traballo específica
Ciudadanos reclama que convoque sen máis demora a todos os grupos políticos a unha Mesa de Traballo específica para poñer en marcha o programa Muramiñae, tal e como foi aprobado no Pleno o 28 de xaneiro de 2016 e ao que se comprometeu o Goberno municipal “sen que un ano despois fose constituída nin celebrase aínda ningunha reunión”, denuncia Expósito. Esa Mesa de Traballo sería a encargada de definir o destino dos 12,5 millóns de euros aprobados e fixar os obxectivos e proxectos a desenvolver con eses cartos.
Ademais, Ciudadanos pide á alcaldesa que faga realidade o lema dos anuncios cos que publicitou a consecución dos 10 millóns de euros de fondos europeos para este proxecto nos que se dicía “Conseguímolo xuntos e xuntos farémolo realidade. Entre todos poñeremos en valor o patrimonio, melloraremos a mobilidade e favoreceremos a integración urbana e social” e estableza os mecanismos axeitados para que a sociedade participe da iniciativa, mantendo así a implicación de todos os axentes sociais neste proxecto e habilitando no portal de transparencia municipal un apartado adicado especificamente a informar á cidadanía de todo o relativo a esta iniciativa.
Novo contrato con PricewaterhouseCoopers por importe de 21.000 euros
Jesús Expósito deu a coñecer tamén que o Goberno socialista de Lara Méndez acaba de asinar unha nova asistencia técnica por importe de outros 21.000 euros coa consultora PricewaterhouseCoopers, a quen encargara xa hai un ano e por idéntica cantidade (a máxima legalmente permitida para non ter que sacar a concurso o contrato) a elaboración da estratexia requerida para presentarse á convocatoria de fondos europeos. A nova adxudicación, asinada pola concelleira de Economía, Ana Prieto, o pasado 3 de xaneiro, ten por obxectivo “reaxustar a estratexia presentada e elaborar un manual de procedementos de acordo co esixido pola Secretaría de Estado de Presupuestos e Gastos do Ministerio de Hacienda”.
As propostas de Ciudadanos para incluir no Muramiñae
Ciudadanos propón unha serie de actuacións para incluír no Muramiñae e financiar con cargo aos fondos europeos conseguidos, entre as que se atopa a creación na vella potabilizadora dun Centro de Interpretación do Miño que inclúa servizos como centro de recepción de visitantes ou escola de pesca e no que poidan participar e desenvolver actividades tanto asociacións ambientais e ecoloxistas como asociacións de pescadores e persoas vinculadas ao río.
Jesús Expósito propón tamén continuar a carón do río o sendeiro existente na actualidade até a vella potabilizadora pola parroquia de Meilán até conectar co que segue até Ombreiro para poder facer ese percorrido polas dúas marxes do río. Ao mesmo tempo, Ciudadanos propón ao Concello que chegue a acordos cos propietarios para a posta en valor da Illa de Meilán para uso público como espazo para actividades de natureza e aventura, como xa existen con notable éxito noutros lugares europeos e do Estado español, e que se sinalize o antigo porto fluvial que existía nesa zona xa na Idade Media.
Ciudadanos considera que “o primeiro que hai que facer se queremos conectar a cidade co río a través do Carme é recuperar os sendeiros tradicionais existentes e realizar catas arqueolóxicas para saber que hai nesa zona e cómo se pode actuar”, polo que Jesús Expósito pide ao Goberno municipal que inclúa xa nos Orzamentos municipais deste ano 2017 “as partidas necesarias para acometer estas catas”.
Do mesmo xeito, Ciudadanos estima “prioritario” asinar convenios con distintas administracións con competencias e responsabilidades. Entre outras, Ciudadanos cita á Confederación Hidrográfica, que debe encargarse da recuperación dos cauces fluviais e de infraestruturas tradicionais como os caneiros; a Deputación, que debe responsabilizarse, a xuízo de Ciudadanos, do mantemento dos sendeiros a carón do río por excederen os límites do termo municipal chegando ao concello de Outeiro de Rei polo norte e ao Concello do Corgo na zona da Fervenza; ou a Xunta de Galicia, en concreto as Consellerías de Cultura e de Vivenda, para peonalizar a Calzada da Ponte e rehabilitar as vivendas tradicionais existentes tanto nesta zona como no entorno da igrexa do Carme.
Finalmente, Ciudadanos propón chegar a un acordo coa Fundación Feiras, propietaria dun terreo de 18.000 metros cadrados sen uso entre o Pazo de Feiras e a parte traseira da Calzada da Ponte para que ese espazo poida servir para ampliar o Parque do Miño con novos servizos como un caníl e un circuito de agility para cans e dotar a zona de máis estacionamento, xa que as actuais prazas existentes a carón da ponte romana son insuficientes.