A proposta, que foi aprobada en pleno por unanimidade fai un ano, porase en marcha nos vindeiros meses, segundo explica o Goberno municipal 

O Concello deberá mercar o soporte informático necesario para levar a cabo este proceso “ao non dispoñer o Servizo de Informática de medios propios suficientes para este cometido”

 

Lugo,30 de xaneiro de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, pediu esta mañá ao Goberno municipal poña en marcha un “rexistro público e voluntario de licitadores para que as empresas e autónomos de Lugo poidan optar ás contratacións que fai o Concello en igualdade de oportunidades”.

Olga Louzao explicou que esta iniciativa de Ciudadanos, que foi aprobada por unanimidade no pleno de febreiro do ano pasado, incluía a creación dunha base de datos de empresas e autónomos para a celebración de contratos menores e procedementos negociados sen publicidade (obras entre 6.000 e 50.000 euros e servizos e subministros entre 2.000 e 18.000 euros) “para que todas aquelas empresas que poidan estar interesadas teñan coñecemento destes procedementos e se poidan presentar”.

A proposta de Ciudadanos, que foi abordada na Comisión de Seguemento de Asuntos Plenarios, a última celebrada hai unha semana, está aínda, un ano despois, pendente de executar por parte do Goberno municipal, que sen embargo informou que ten previsto a súa posta en marcha “nos primeiros meses de 2017”. Segundo o informe presentado na Comisión, “a creación dun rexistro voluntario de licitadores, ao non dispoñer o Servizo de Informática de medios propios suficientes para este cometido, pasa obrigatoriamente, como noutros casos similares de subministración de programas informáticos de xestión administrativa, pola contratación externa dunha aplicación que dea soporte a estes contidos”. Segundo explicou o Goberno de Lara Méndez, tres empresas (WoltersKluver, Pixelware e Vortal) presentaron os seus produtos a este respecto nunha xuntanza celebrada cos Servizos de Contratación e Informática e están pendentes de aprobación os pregos técnicos que permitan a contratación desta aplicación informática para poñer en marcha o rexistro.

 

“Hai empresas que xa non se presentan porque pensan que os contratos están dados”

 

Ciudadanos urxe ao Goberno de Lara Méndez para que poña este rexistro en marcha canto antes para favorecer “a concorrencia nas ofertas, que irá sempre en beneficio do Concello e dunha rebaixa de custos, así como a transparencia e a igualdade de oportunidades”. “Levamos meses falando con moitas empresas de distintos sectores que nos din que renuncian a presentarse aos concursos e contratacións que fai o Concello de Lugo porque aínda que formalmente o procedemento cumpre coa legalidade, teñen sospeitas fundadas que os contratos están dados de antemán e son sempre para as mesmas empresas”, denuncia Olga Louzao, que considera que “é necesario acabar con estas sospeitas e o rexistro voluntario de licitadores é unha boa ferramenta para iso”.

 

Procedementos “máis xustos, transparentes e non discriminatorios”

 

O grupo municipal de Ciudadanos intenta, con esta proposta, garantir a tódalas empresas que se inscriban neste rexistro o acceso a estes procedementos mediante a invitación a todas elas, ou as dos sectores ou servizos nos que decidan inscribirse en función da natureza do seu negocio. Isto farase realidade coa inscrición das empresas interesadas neste Rexistro voluntario, no que se recollerá a súa vontade de participar nos contratos, onde comunicarán os datos necesarios e especificarán os servizos ou actividades que ofrecen.

 

A instancia de Ciudadanos, o pleno aprobou fai un ano por unanimidade cerar un rexistro voluntario de licitadores, no que as empresas ou autónomos poidan inscribirse para recibir, vía email, unha invitación do Concello a participar nas ofertas que se axusten ao seu tipo de actividade e onde se detallará o obxecto do contrato e o prezo estimado. Ademais, na web municipal poderanse consultar as empresas ou autónomos que forman parte deste Rexistro.

 

“A transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser principios básicos e inescusables na contratación pública. Así aparece recollido no Preámbulo da Lei 19/2013 relativa á transparencia”, defende Olga Louzao, que considera que “hai que dar pasos para reducir a desconfianza política e institucional, así como para xerar competencia, garantir a eficiencia dos fondos públicos e previr a corrupción”.

 

Coa creación deste Rexistro, trátase de aplicar unha política máis aberta para que os contratos menores e os procedementos negociados sen publicidade sexan “máis xustos, transparentes e non discriminatorios, intentando poñer fin, deste xeito, ás dúbidas e sensacións de desconfianza que se respira nas empresas da nosa cidade ante a avalancha de contratos menores que se producen no Concello de Lugo e o sentimento xeralizado de sospeita e desconfianza que os rodea, máis aínda despois dos casos de suposta corrupción que se deron no Concello de Lugo nos últimos anos e que están a ser investigados pola xustiza”, afirma a voceira de Ciudadanos.