· A voceira municipal, Olga Louzao, lamentou a falta de interese mostrada polo bipartito neste local. A edila, ante o evidente fracaso, aposta por dotar á instalación do equipamento necesario para que a concesión poida resultar atractiva para os hostaleiros
Lugo, 20 de xullo de 2020. A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a impulsar a posta en marcha do local de hostalería de titularidade municipal situado na azotea do centro cultural O Vello Cárcere. «Tras tres concursos fracasados o Goberno local tomou a decisión, canto menos polémica, de realizar unha adxudicación directa. Disto fai máis dun ano. Pois ben, nin así lograron que algunha empresa plasme o seu interese nun contrato, e, agora, coa crise pola Covid-19, moito menos. É obvio que este equipamento presenta carencias que fan inviable calquera plan de negocio. É necesario que se realice un investimento maior para emendar esta carencias e así poñer en funcionamento unha instalación que deixa inutilizada toda unha planta deste centro e que co paso do tempo non fai máis que deteriorarse e deteriorarse», asegurou a concelleira da formación laranxa.
Louzao considera que os cambios introducidos nas condicións de explotación foron de xeito evidente insuficientes e avoga por facer unha aposta seria e realista. «Nin a baixada do canon nin a flexibilidade nos horarios foron un atractivo suficiente. É obvio que non se pode pedir un investimento en instalacións superior aos 70.000 euros a cambio de 5 anos de contrato. Este Goberno demostra un descoñecemento alarmante do sector e evidencia a súa incapacidade para xestionar o patrimonio municipal», sinalou.
Un equipamento paralizado desde 2017
«É necesario dotar a este local de aspectos tan básicos como a instalación de gas, unha instalación de extracción de fumes e renovación de aire. Ademais consideramos que o máis conveniente é instalar unha cociña e os electrodomésticos necesarios para levar a cabo unha actividade hostaleira acorde á que se fixa nos requisitos de servizo, canto menos moi esixentes, por non dicir pouco realistas. Estes requisitos obrigan a un menú do día, outro de agricultura ecolóxica e un menú completo para celíacos ademais de produtos de comercio xusto na carta. Parécenos ben pero, en serio os membros do Goberno pensaban que cun local nestas condicións e cunha cociña tan reducida pódense suscitar estas esixencias? Creo que todos coincidimos en que non. O resultado desta nefasta xestión é un equipamento paralizado desde 2017 e unha opción perdida para xerar emprego e promover a iniciativa empresarial á vez que se pon en valor o patrimonio municipal e se propón unha alternativa de ocio con valor engadido. É inaceptable que este local sígase deteriorando pola falta de capacidade deste Goberno local», concluíu