Xesús Expósito denuncia que o vehículo do parque móbil que usa Lara Méndez nos seus desprazamentos segue estacionado diante da Casa Consistorial, en plena Praza Maior, despois de ter xa denunciado esta situación no último Pleno
“A alcaldesa non pode pedirlle aos cidadáns que respecten a peonalización do casco histórico se ela mesma non o fai”, afirma Xesús Expósito
Lugo, 9 de novembro de 2016. O concelleiro de Ciudadanos (C’s) Xesús Expósito ironizou esta mañá con “pintar un espazo diante da Casa Consistorial reservado para que a alcaldesa aparque o coche oficial”, á vista de que o vehículo do parque móbil que Lara Méndez usa para os seus desprazamentos está “a diario” aparcado diante do Concello, en plena Praza Maior.
Xesús Expósito xa denunciara no último Pleno Municipal, no que se debatía unha proposición para que se respectase a peonalización do casco histórico mellorando o control de accesos dos vehículos, que “a alcaldesa non pode pedirlle á cidadanía que respecte as zonas peonís do casco histórico se ela mesma non o fai”. “Non dá moi bo exemplo aparcando habitualmente o coche oficial xusto diante do Concello”, opina o concelleiro de Ciudadanos (C’s), máis aínda cando a poucos, no edificio do Seminario, metros hai un estacionamento municipal. Expósito considera ademais á alcaldesa “reincidente” por “seguir aparcando no mesmo lugar despois de telo denunciado no último Pleno”.
Dar exemplo
“Non vemos a necesidade de que o coche da alcaldesa entre ao casco histórico”, argumenta Expósito, que lle pide a Lara Méndez “que dea exemplo”. “Diante do Concello, onde aparca a alcaldesa o coche oficial, non está autorizada a circulación de vehículos e moito menos o seu estacionamento”, indica o concelleiro de Ciudadanos (C’s), que ironiza con dúas posibilidades: “ou ben a Policía Municipal actúa e multa ao coche oficial da alcaldesa por infrinxir as normas por estar mal aparcado ou ben que o Gabinete de Tráfico pinte de xeito inmediato un cadrado vermello no chan e coloque un sinal que indique espazo reservado para o coche oficial da alcaldesa para legalizar a súa situación”. “Estamos pensando seriamente levar unha iniciativa ao próximo Pleno neste sentido”, bromeou con retranca Expósito.