Olga Louzao afirma que “é unha distinción ben merecida para unha persoa que foi pioneira en Lugo no traballo a favor das persoas con capacidades diferentes e despois de 50 anos de labor social á fronte de Aspnais”    

Ciudadanos (C’s) agarda que a proposta sexa unánime porque “existe un consenso social na cidade a favor desta iniciativa”    

Lugo, 11 de novembro de 2016. Ciudadanos (C’s) proporá este luns na Xunta de Voceiros ao resto de grupos municipais da Corporación iniciar os trámites necesarios para adicar unha rúa da cidade a Conchita Teijeiro pola súa labor social de máis de 50 anos na cidade de Lugo.

A voceira de Ciudadanos (C’s) no Concello, Olga Louzao, presentará esta iniciativa “que é de xustiza”, afirma, facéndose eco “dunha demanda social unánime na cidade explicitada no acto de homenaxe celebrado no día de onte”. Por iso, Olga Louzao agarda que a proposta sexa apoiada por todos os grupos municipais e que o acto de adicarlle unha rúa “suscite tanta unanimidade e recoñecemento como o seu traballo desinteresado a prol dos máis desfavorecidos durante toda unha vida”.

Así pois, Ciudadanos (C’s) proporá que a Xunta de Voceiros que se vai celebrar o vindeiro luns ás 9:00 da mañá acorde convocar a Comisión do Rueiro e iniciar deste xeito o procedemento para que a designación dunha rúa co nome de Conchita Teijeiro “sexa unha realidade canto antes”. “Pensamos que un bo recoñecemento ao seu traballo social na cidade por parte do Concello, e polo tanto, de todo o pobo de Lugo, sería vela a ela mesma inaugurar unha rúa co seu nome”, afirma Olga Louzao.

Pioneira do asociacionismo de carácter social en Lugo

A voceira de Ciudadanos (C’s) destacou que Conchita Teijeiro “foi unha pioneira no asociacionismo de carácter social en Lugo á fronte da Aspnais, que cumpre medio século de vida, e representa ademais a un terceiro sector que suple as eivas das administracións públicas na atención ás persoas con necesidades diversas e tamén a todas as mulleres que loitan a diario para sacar adiante aos seus fillos e fillas pese ás dificultades e os problemas cos que se poidan atopar”.