Olga Louzao afirma que “están en xogo 4 millóns de euros”, polo que pide ao Goberno municipal «axilidade e máxima dilixencia» nos traballos que aínda están pendentes    

Faltan por acometer obras tanto da primeira como da segunda fase do proxecto, entre outras a instalación de varandas de seguridade, a colocación de portas, unha plataforma hidráulica e remates nas cornixas. 

Lugo, 11 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos (C’s) alerta do risco de que se perdan 4 millóns de euros de fondos europeos do Plan Urban se o edificio do vello cárcere non está en funcionamento o vindeiro 31 de marzo. A voceira de Ciudadanos (C’s) no Concello, Olga Louzao, acusou ao Goberno municipal socialista de «despreocupación e falta de dilixencia neste asunto» e advertiu de que «a pasividade e parsimonia deste Goberno pode saír moi cara á cidadanía de Lugo».

Olga Louzao advertiu de que «a Unión Europea fixa como prazo límite para que o edificio do vello cárcere estea operativo o vindeiro 31 de marzo e os tempos bótanse enriba porque aínda faltan por executar obras pendentes tanto da primeira como da segunda fase do proxecto», indicou. Dentro da fase 1 faltan por colocar as ventás do tambor das celdas de reclusos masculinos, o conxunto das varandas das celdas de mulleres e unha serie de portas interiores. Estas obras teñen un orzamento de 60.000 euros e aínda non foron contratadas. Dentro da fase 2 está tamén pendente a colocación dunha plataforma hidráulica, a colocación das varandas de seguridade tanto na terraza como nas zonas interiores da cafetería, así como unha serie de remates na cornixa. O contrato para a realización destes traballos, por importe de 84.618 euros, foi asinado o 7 de outubro e o prazo de execución remataba en decembro, pero as obras aínda non comezaron.

A voceira de Ciudadanos (C’s) pide ao Goberno municipal «axilidade e máxima dilixencia» para non perder a subvención europea, de 4 millóns de euros. A obra de rehabilitación do vello cárcere para convertelo en centro cultural está cofinanciada nun 70% con fondos FEDER da Unión Europea, dentro do Plan Urban, e conta cun orzamento total de 5,7 millóns de euros repartidos nas dúas fases nas que consta o proxecto.

O edificio abrirase sen estar rematado

Os traballos comezaron en febreiro do ano 2012 e desde entón foi un proceso con moitos contratempos, como a entrada en concurso de acreedores da empresa adxudicataria, pero tamén «con moitos paróns e retrasos inxustificados, como consta nun recente informe de arquitectura, que di que as obras da fase 1 estiveron paradas no último ano», explica Olga Louzao, que aclara que, «en todo caso, como tamén consta nese informe, aínda conseguindo rematar as obras pendentes antes do 31 de marzo, o vello cárcere vaise abrir sen estar rematado, pois faltan por facer os baños da planta baixa e quedan sen rehabilitar os torreóns, aos que se lles van poñer unhas portas para pechalos, ao igual que o espazo onde deberían ir os baños», explicou. Para estas obras «falta consignación orzamentaria», indícase no informe de Arquitectura.

A voceira de Ciudadanos (C’s) no Concello afirma que «o Urban e todo o proceso de como se levou a cabo a súa execución, que foi caótica, ten que servir de escarmento e reflexión para os novos proxectos europeos que se van iniciar, como o Muramiñae ou o Lugo Smart», considera Olga Louzao.