Olga Louzao solicita a comparecencia da concelleira de Economía, Ana Prieto, na Comisión de Contas da vindeira semana en vista dos problemas detectados en proxectos como a Praza de Abastos, o Vello Cárcere ou a web do Mercado     

 

Mañá está prevista unha visita da Corporación municipal e os membros do Consello Municipal de Cultura ao edificio do Vello Cárcere 

IMG_20170310_134001_opt

Lugo, 14 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos pediu esta mañá a comparecencia da concelleira de Economía, Ana Prieto, na Comisión de Contas da vindeira semana para que explique en que situación se atopan as distintas actuacións do Plan Urban a 15 días de que remate o prazo límite fixado por Bruxelas para a súa finalización. Ciudadanos quere que o Goberno municipal presente na vindeira Comisión de Contas “un informe detallado das actuacións levadas a cabo dentro do Plan Urban cun balance completo dos proxectos acometidos, orzamentos destinados a cada proxecto, gastos realizados e resultados obtidos, así como obras aínda sen executar e previsións para a súa finalización”.

A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que “vistas as irregularidades detectadas no Plan Urban, como a páxina web do Mercado, que xa non funciona, ou as obras sen rematar no Vello Cárcere e na Praza de Abastos, o grupo municipal de Ciudadanos pedirá na próxima Comisión de Contas un balance detallado dos proxectos acometidos dentro do Plan Urban”. Louzao considera “imprescindible” que a máxima responsable do Plan Urban, a concelleira de Economía Ana Prieto, dea conta “de en que se gastaron os cartos e o proveito que se lle sacaron aos 10 millóns de euros investidos nos últimos 7 anos dentro do Plan Urban”. “É necesario saber o destino de cada euro de fondos públicos, a onde foron a parar e o rendemento que como cidade lle sacamos”, insiste.

Ciudadanos quere saber tamén se existe risco de que a Unión Europea poida reclamar a devolución das subvencións que foron destinadas a proxectos como a páxina web do Mercado, á vista de que xa non está operativa a páxina, ou ás actuacións que non se levaron a cabo en edificios incluídos dentro do Plan Urban, como o Vello Cárcere ou a Praza de Abastos. “O 80% do orzamento do Urban eran fondos europeos e se hai que devolvelos por unha mala execución das actuacións acometidas suporía ter que devolver moitos cartos”, argumenta Olga Louzao. O grupo de Ciudadanos pregúntalle tamén ao Goberno municipal se o vindeiro 31 de marzo, data límite para a finalización das actuacións incluídas no Urban, proxectos como o do Vello Cárcere ou o Centro de Novas Tecnoloxías pegado á Casa Consistorial van estar rematadas.

Retrasos, obras a medias e sobrecustos

Ciudadanos critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos do Plan Urban”, o que provocou “retrasos inxustificados, obras que quedaron a medias e sobrecustos”. “Á vista de que está a piques de rematar o prazo para que as distintas actuacións acometidas dentro do Plan Urban estean en funcionamento, faise necesario facer un repaso de como se gastaron os fondos recibidos e do grado de consecución dos obxectivos plantexados inicialmente. Este balance final e detallado de actuacións debería incluír os distintos proxectos acometidos así como as partidas económicas finais destinadas a cada un deles, con desglose dos principais gastos realizados e os seus conceptos. Do mesmo xeito, faise necesario coñecer en que estado se atopa cada unha destas actuacións e cal é a situación a día de hoxe de proxectos como o Vello Cárcere, a Praza e o Mercado de Abastos ou o Centro de Novas Tecnoloxías, así como as previsións para rematar as obras aínda pendentes”, argumenta a voceira de Ciudadanos, que considera necesario que o Goberno municipal informe de todos estes aspectos “para coñecemento da cidadanía en xeral e para a necesaria fiscalización das actuacións por parte dos distintos grupos políticos que forman a Corporación municipal”.

Ciudadanos non quere que se repitan os problemas de execución detectados durante o desenvolvemento do Plan Urban nos novos programas europeos que o Concello está a piques de comezar, como o Muramiñae. “Do acontecido co Plan Urban é necesario aprender para os novos fondos europeos que vai ter o concello para o periodo 2016-2022”, conclúe Olga Louzao.

Cando se van acometer as obras pendentes e con que cartos

Da reforma prevista na Praza de Abastos quedou sen acometer a remodelación da planta baixa e tampouco se melloraron os servizos, que se atopan en moi mal estado. No caso da outra das obras fundamentais do Plan Urban, o Vello Cárcere o edificio vaise abrir tamén sen estar rematado, pois faltan por facer os baños da planta baixa e quedan sen rehabilitar os torreóns, aos que se lles van poñer unhas portas provisionais para pechalos, ao igual que o espazo onde deberían ir os servizos e o montacargas que debía dar servizo ao escenario do salón de actos. A Corporación municipal, así como os membros do Consello Municipal de Cultura poderán comprobar mañá in situ os traballos que aínda están pendentes durante a visita prevista para as 13 horas ao edificio do Vello Cárcere.

A Praza e o Vello Cárcere suman o 60% do total investido no Urban, en concreto 4,2 millóns de euros no caso do novo centro cultural e 1,8 millóns de euros o Mercado e a Praza de Quiroga Ballesteros e eran os dous “proxectos estrela” do Plan, un proxecto iniciado no ano 2010 con diversas actuacións de reforma urbana no entorno do casco histórico e dotado cun orzamento toal de 10 millóns de euros, dos que o 80% (8millóns de euros) procedían de fondos Feder Europeos e os restantes 2 millóns foron aportados polo Concello e a Deputación Provincial. Bruxelas fixa como data límite para a xustificación dos fondos recibidos, e polo tanto deben estar en funcionamento as distintas actuacións para esa data, o día 31 deste mes, pero tanto no Vello Cárcere como na Praza de Abastos quedarán, para entón, sen rematar, á espera de que o Concello orzamente as obras pendentes con fondos propios, que no caso da Praza de Abastos estímase que o importe das actuacións pendentes superará o medio millón de euros.