Ames, venres 4 de marzo de 2016.- O voceiro de Cidadáns no Concello de Ames, Javier López, instou este venres ao alcalde de Ames, José M. Miñones, “a que elabore un Plan de mellora da accesibilidade neste concello no que se inclúa as actuacións necesarias para a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”. Javier López uniuse, fai uns meses, á petición “totalmente xusta e xustificada” realizada a través das redes sociais por un veciño de O Milladoiro, para facer accesibles o pasos de peóns neste municipio.
Para o representante de Cidadáns na corporación de Ames non é suficiente a contestación do Goberno municipal, cando o pasado 25 de febreiro, informou de que se solicitou por parte do concello “un obradoiro de emprego para actuacións de accesibilidade en rebaixas de beirarrúas nalgunhas zonas do concello”. Para Javier López, esta resposta “é unha escusa para non acometer dun xeito inmediato unha actuación que melloraría cualitativamente a accesibilidade de todos os veciños de Ames”.
O voceiro de Cidadáns Ames destaca que “a mellora da accesibilidade é un tema pendente de acometer no noso concello” e engade que “a obriga de adaptación dos espazos públicos de cara a favorecer a accesibilidade de todos os usuarios xa é antiga pero no noso municipio aínda quedan edificios e espazos nos que actuar”.
Ademais, sinala que “en moitas ocasións abonda coa vontade institucional porque existen espazos públicos accesibles para os veciños nos que poñer a súa disposición servizos municipais, sen que vexan limitados os seus dereitos a dispoñer deles pola existencia de barreiras arquitectónicas”.
Neste sentido, “é preciso traballar na supresión de barreiras arquitectónicas nos accesos ao transporte e aos distintos edificios públicos, non só da Administración, senón tamén espazos de lecer e de carácter comercial”, sinala Javier López.