·  Juan Vidal-Pardo asegura que  50 concesionarios vense afectados por esta medida e alerta de graves deficiencias nestas instalación como anomalías no sistema de extracción de fumes no aparcadoiro subterráneo de Santo Domingo. Demanda un maior control por parte do Concello no seu funcionamento e afea que Méndez priorice os intereses da empresa sobre os da veciñanza

O concelleiro de Cs, Juan Vidal-Pardo, denunciou esta mañá que o Goberno local non  ampliará as prazas destinadas aos residentes-cesionarios ao igual que se está a facer co resto de prazas nos aparcadoiros de Santo Domingo, praza de Ferrol e praza da Constitución dentro do proxecto de repintado e conversión de prazas 3×2.

«Non entendemos esta decisión de Lara Méndez que constitúe un agravio para os 50 veciños afectados por esta medida e que lonxe de mellorar a calidade do servicio está a xerar un novo problema. Esiximos unha rectificación. É necesario que o Goberno local xustifique esta decisión que non responde a ningún criterio técnico. Consideramos que este Goberno esta a priorizar os beneficios da empresa concesionaria fronte aos intereses e dereitos dos cidadáns de Lugo», sinalou o edil da formación laranxa.

Ademais Vidal-Pardo denunciou durante a súa intervención deficiencias no funcionamento dos aparcadoiros da praza da Constitución, praza de Ferrol e Santo Domingo. «Gustaríanos saber como xustifican Méndez e Arroxo que o sistema de extracción de fumes no aparcadoiro subterráneo de Santo Domingo non funcione de forma correcta desde hai anos, segundo denuncian os propios usuarios deste aparcadoiro. Descoñecemos quen  é o responsable municipal da concesión dos aparcadoiros e que funcións ten. Incomprensiblemente, o goberno local está a mirar para outro lado no que se refire o funcionamento destas instalacións», proseguiu.

«Non temos constancia do número de inspeccións técnicas municipais, se que existiu algunha, nestes aparcadoiros e con que periodicidade se están a realizar por parte do Concello. O PSOE e o BNG deben respostar sobre as queixas máis comúns por parte dos usuarios como a falta de vixilancia presencial en determinados horarios. Así mesmo descoñecemos canto se está a recadar e quen se beneficia dos ingresos pola publicidade que se vende nestes subterraneos de titularidade municipal, xa que esta publicidade non está regulada a día de hoxe», dixo.

«Do mesmo xeito que non sabemos como están reguladas por parte do Concello as tarifas de aboados mensuais que ofrece a empresa concesionaria dos aparcadoiros municipais. Algo que supón unha clara deixación de funcións e deixa totalmente desprotexidos a este tipo de usuarios ante calquera problema. Na actualidade non existe un departamento concreto onde os afectados poidan dirixir as súas queixas, denuncias ou suxestións. É necesario que o Goberno local regule todos estes aspectos», concluíu Vidal-Pardo, quen pedirá unha investigación municipal e a máxima transparencia neste asunto.