·    portavoz municipal considera inadmisible que un edificio de nova construción sexa recepcioado con deficiencias graves e critica que o equipamento acumule anos de atraso na súa posta en marcha, o que evidencia unha xestión lamentable

 

Lugo, 22 de decembro de 2020-. A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, mostrouse indignada esta mañá tras coñecer que o Concello deberá investir polo menos 370.000 euros para estar en disposición de abrir o auditorio. Así o comunicou o concelleiro de urbanismo Miguel Couto ao recoñecer na Comisión de Contas celebrada esta mañá que se detectaron deficiencias por valor de 300.000 euros, cifra que se suma aos gastos de acondicionamento da parcela presupostado polo Concello en case 70.000 euros. «É inadmisible a xestión levada a cabo por este Goberno en relación a este auditorio. A súa apertura acumula anos de atraso e está supoñendo un desembolso económico considerable tendo en conta que se trata dun edifico, en teoría, rematado. Non entendemos como a obra foi recepcioada se presenta deficiencias graves como asegura o Goberno local. É necesario que se depuren responsabilidades neste asunto e coñecer cal das dúas administracións, Xunta ou Concello, son responsables de semellante desaguisado», sinalou a portavoz da formación laranxa.

 

Louzao considera que todo o que está sucedendo ao redor da obra do novo auditorio evidencia unha incapacidade de xestión preocupante pro parte de bipartito. «O Goberno local levou unha xestión lamentable deste asunto sobre o que ademais ocultou información á oposición sementando dúbidas sobre quen é o último responsable desta chapuza», sinalou. «Se o Goberno local considera que a responsabilidade é da Xunta, como insinúa, desde Cs lle instamos a que esixa á Xunta de Galicia ata o último euro que sexa necesario investir para ter o edifico en condicións para funcionar. Polo contrario deducimos que non existe  interese real en abrir este equipamento», proseguiu antes de cualificar o convenio subscrito entre ambas administracións como ruinoso para as arcas municipais.

 

«O convenio polo que este Goberno municipal perdooulle á Xunta 3,6 millóns de euros para que con ese diñeiro, que era de todos os lucenses, a Xunta equipase o novo auditorio é un dos maiores despropósitos da nefasta xestión de Lara Méndez como alcaldesa xa que supuso unha perda de 1,5 millóns de euros que se deixaron de ingresar en concepto de IBI. Con todo a noticia coñecida esta mañá de que será necesario investir polo menos outros 300.000 para abrir o auditorio supón un escándalo maior en relación a esta obra», concluíu.