· O concelleiro de Cs, Juan Vidal-Pardo, critica que 23 traballadores e traballadoras municipais levan un mes desenvolvendo a súa actividade nunha nave sen electricidade, sen medidas de seguridade contra o covid e sen servizo de limpeza nos baños
Lugo, 22 de outubro de 2020. O concelleiro de Cs Lugo Juan Vidal-Pardo denunciou esta mañá as «lamentables» condicións de traballo de 23 empregados municipais que levan xa catro semanas desenvolvendo a súa actividade nunha nave de Frigsa que se atopa nunha situación totalmente irregular. Trátase das brigadas de peóns contratados a través do Muramiñae Rehabilita, un plan de capacitación laboral e obras, financiado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. «Os traballadores non contan con electricidade e tan só dispoñen dun xerador para tarefas básicas nunhas condicións totalmente precarias. Ademais non se puxo en marcha ningún tipo de medida anticovid que garanta a súa seguridade. Aínda por riba, dos dous baños existentes, un está inutilizado e ambos carecen de servizo de limpeza», asegurou o edil da formación laranxa.
«A nave non ten ningún tipo de mantemento e non cumpre cos estándares mínimos de seguridade e saúde. É totalmente inaceptable que o Goberno local manteña a 23 empregados baixo estas condicións. Instamos ao executivo de Lara Méndez a que rectifique de inmediato e atenda as demandas dos traballadores e traballadoras. A alcaldesa dicía na presentación deste proxecto que pretende facer de Lugo unha cidade integradora e social. Entendemos que este non é o camiño. De novo se evidencia que os compromisos de Méndez limítanse a meros anuncios propagandísticos. Isto dista moito de promover a inclusión social como alardeaba», dixo o concelleiro.
Risco de perda do finaciamento europeo
Por último, Vidal-Pardo sinalou que a neglixencia do Goberno local constitue un serio risco de perda do financiamento europeo deste proxecto. «A situación dos traballadores non se adecua as bases establecidas pola UE para otorgar estes fondos. En caso de que non se revirta a situación poderia acarrear un perda do finaciamento. O orzamento do Muramiñae Rehabilita, é de 654.000 euros segundo sinala o propio Goberno local, deste importe o 80% o aportan os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, o que poderia supoñer unha perda próxima ao medio millón de euros», concluíu Vidal-Pardo.