A portavoz municipal, Olga Louzao, censura a opacidade amosada polo Goberno local en torno a este proceso xudicial e acusa ao executivo de ocultar esta información deliberadamente para evitar o seu desgaste político no que considera un engano imperdoable á cidadanía 

Lugo, 18 de setembro de 2020. A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, denunciou que o concelleiro de urbanismo, Miguel Couto, negouse esta mañá durante o transcurso da comisión de Desenvolvemento Sostible, Medio Rural e Deportes a facilitar as cifras da indemnización reclamada ao Concello no proceso xudicial polo caso Garañón. «O noso grupo presentou por escrito, en tempo e forma, unha pregunta clara e concisa para esta comisión na que interrogaba ao Goberno local sobre a cifra reclamada polo denunciante. A resposta de Couto foi vergonzosa e denigrante. Resolveu o asunto cun “non a recordo neste momento”, saltándose deliberadamente a súa responsabilidade de facilitar a información correctamente solicitada ao resto de partidos representados na corporación e por extensión aos veciños e veciñas de Lugo», asegurou a concelleira da formación laranxa.

«Fai dúas semanas, unha vez rexistrada esta pregunta e antes da comisión, xa denunciamos ante os medios de comunicación que a estratexia do Goberno local baséase en dilatar o proceso xudicial o máximo tempo posible a propósito de que está perdido e en ocultar a cifra real á que ascende a indemnización para que durante o seu mandato non se teña que pagar a factura do Garañón e así evitar un desgastar electoral», dixo a edila. «Con todo, esta estratexia é pan para hoxe e fame para mañá e xoga claramente en contra dos intereses dos lucenses que somos os que imos ter que pagar o pato. Canto máis se tarde en pagar máis engordará a conta millonaria á que imos ter que facer fronte, o que sen dúbida comprometerá os orzamentos locais e a capacidade de prestar servizos a cidadanía durante moitos anos», sostivo Louzao.

Sen rastro da zona verde
A portavoz de Cs tamén criticou a falta de concreción e as continuas contradicións do Goberno local sobre a futura zona verde na que se converterá o espazo onde agora están edificadas as torres. «Hai pouco máis dun ano a alcaldesa, Lara Méndez, anunciou o desenvolvemento dunha zona verde neste espazo. Con todo o seu propio concelleiro de urbanismo a enmenda agora e pon freo sobre este proxecto. Preguntado sobre cal sería o investimento municipal neste novo parque, Couto contestou que falar dun investimento concreto a día de hoxe sería unha “temeridade”. O certo é que sospeitamos que non hai nada», desvelou a concelleira. «A nosa posición sobre esta asunto é clara, primeiro é necesario informar á  cidadanía sobre o gasto que supoñerá a reposición da legalidade no ámbito CS-5 e logo elaborar un plan de pagos que non comprometa o futuro das contas municipais», concluíu.