A voceira municipal, Olga Louzao, criticou a decisión do BNG de suprimir o servizo de usuarios esporádicos e tacha ao executivo de «ineficaz» por ser incapaz de aportar unha solución á falta de espazo nos comedores dos colexios Anexa e Menéndez Pelayo onde máis de 50 usuarios habituais quedaron sen praza

Lugo, 11 de setembro de 2020. A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, esixiu esta mañá unha solución urxente tanto ao Goberno local como á Xunta para os máis de 350 alumnos que malia solicitar o servizo de comedor quedáronse sen el. Louzao considera que a xestión levada a cabo polo BNG neste asunto é lamentable e advirte que a «inxustificable» decisión tomada polo Goberno bipartito de suprimir o servizo de comedor para usuarios esporádicos é un erro de consecuencias fatais para máis de 300 familias lucenses que da noite para a mañá se atopan cun problema maiúsculo para conciliar a súa vida laboral e persoal. Ademais a portavoz da formación laranxa asegurou que a falta de compromiso da Xunta con este asunto faille cómplice e corresponsable deste desastre. «Non poden mirar para outro lado xa que a Xunta ten competencias directas para actuar. De novo as sucias guerras políticas entre PP, PSOE e BNG cóbranse como vítimas ás familias de Lugo», asegurou.

«Esiximos ao Goberno local que recupere o servizo de comedor para usuarios esporádicos no próximo mes de outubro antes da nova baremación. Estamos ao lado das familias e imos dar guerra con este asunto», dixo. «Suprimir este servizo no que un alumno ou alumna pode facer uso do comedor só algúns días de semana, en función de que os seus familiares poidan ocuparse ou non do xantar, supón un retroceso en materia de conciliación familiar inaceptable baixo o noso punto de vista. A frívola decisión do Goberno local xera un problema tremendo a máis de 300 familias lucenses que non tragan coa escusa do BNG de que ao presenza dos seus fillos no comedor de forma esporádica xere un problema de seguridade e seguimento ante un posible contaxio por Covid», proseguiu Louzao.

Nefasta planificación con consecuencias desastrosas en Anexa e Menéndez Pelayo

Ao problema xerado pola supresión do servizo de comedor para usuarios esporádicos súmase a nefasta planificación levada a cabo polo Goberno local nos colexios de Anexa e Menéndez Pelayo onde máis de medio centenar de alumnos quedáronse sen acceder ás prazas de comedor por falta de espazo físico no centro, segundo recoñece o propio Goberno local. «O argumento esgrimido polo BNG para xustificar a súa falta de compromiso coas familias é inasumible. A falta de espazo ten solucións relativamente sinxelas si existise unha previsión e unha correcta planificación do curso. No centro da Anexa, pola súa natureza, é sinxelo chegar a un acordo coa USC para que ceda un espazo das súas instalacións de maxisterio, que se atopan no mesmo edificio, para habilitar un comedor en condicións. No Menéndez Pelayo poderíase haber instalado unha edificación prefabricada específica para este uso. A cidadanía non traga con rodas de muiño. Esiximos unha solución inmediata», concluíu Louzao.