- O vial, de dobre sentido, está sen pintar e non conta con sinalización nin regulación do estacionamento, polo que supón un grave perigo para a seguridade viaria, segundo alerta a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao
- Un tapón urbanístico e a maleza que invade as beirarrúas obriga aos viandantes a circular pola calzada nunha zona onde é habitual o paso de nenos e nenas por haber unha escola infantil
Lugo, 7 de setembro de 2017. O grupo municipal de Cidadáns denunciou esta mañá graves deficiencias na rúa Ramos Misioné, situada na Aceña de Olga, malia que foi reformada a comezos deste mandato. A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, explicou que “as obras quedaron a medias e supoñen un grave perigo en canto a seguranza viaria”.
Segundo detallou Olga Louzao “o Concello de Lugo publicou no BOP o 16 de outubro de 2015 a contratación dos traballos de renovación do pavimento e sinalización neste vial que conecta Alfonso X O Sabio coa rúa da Zarra por un importe de 29.330 euros, pero a empresa adxudicataria non rematou a obra”. En concreto, malia que había prevista no proxecto unha partida de 4.859 euros destinada a sinalización horizontal e vertical, esta nunca chegou a acometerse, polo que esta rúa, de dobre sentido, carece de regulación viaria e de estacionamento”.
A voceira de Cidadáns asegurou que “corresponde ao Concello a regulación e sinalización do tráfico na cidade” e explicou que “esta foi unha das primeiras obras que executou a actual alcaldesa, Lara Méndez, e dous anos despois aínda está sen acabar malia que se trata dunha obra de pouca envergadura, o que dá boa mostra da nula capacidade de xestión deste equipo de Goberno”. A obra, executada pola empresa Asogal, atópase aínda en periodo de garantía, polo que Cidadáns urxe ao Concello a través dunha iniciativa presentada para que exisa á empresa o seu remate ou, do contrario, acometa directamente os traballos pendentes con cargo ao depósito efectuado pola adxudicataria. “O que non é de recibo é que dous anos despois os veciños e veciñas que viven nesta rúa ou pasan por ela a diario sufran as consecuencias da desidia e a ineficacia ás que nos ten acostumados este Goberno municipal”, afirmou.
Finalmente, Olga Louzao denunciou que no entronque de Ramos Misioné coa rúa da Zarra prodúcese un estreitamento por mor dun tapón urbanístico existente, o configurado por un rudimentario balado de peche dunha parcela sen edificar. Cidadáns reprocha ao Goberno municipal que no momento de executar as obras de renovación deste vial non tivese feito as xestións necesarias co propietario para a cexión voluntaria ou a expropiación forzosa do espazo necesario para dar continuidade á beirarrúa, o que, sumado á falta de limpeza dos solares próximos, que fai que a maleza invada o espazo reservado para os viandantes, obriga aos peóns a circular neste tramo pola estrada, supoñendo un perigo engadido para os nenos e nenas que todos os días se dirixen a unha escola infantil existente nesta rúa Ramos Misioné.