Un bar do casco histórico paga na nosa cidade 230 euros por unha mesa e catro sillas, máis do dobre que en Coruña e Santiago e dez veces máis que en Vigo

O Goberno municipal desestimou as alegacións presentadas por Lugo Monumental co “inconsistente e subxectivo” argumento de que calquera bar do centro factura máis de 57 euros por silla colocada  

A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, afirma que hai establecimentos en Lugo que teñen que pagar máis de 3.000 euros ao ano por ter terraza e que “este custo desproporcionado non ten sentido nunha cidade que ten entre os seus principais atractivos a gastronomía e a hostalaría” 

Lugo, 19 de xullo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos considerou hoxe “desproporcionado” o prezo que o Concello de Lugo cobra aos locais de hostalaría da cidade por colocar as súas terrazas. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explicou que un bar ou unha cafetería do casco histórico de Lugo paga uns 230 euros por unha mesa con catro sillas, a razón de 57,96 euros por metro cadrado, máis do dobre do que pagaría se estivese na Coruña ou Santiago (25 e 27,05 euros por metro cadrado respectivamente) e dez veces máis que en Vigo (5,34 euros/metro cadrado). Por iso, Olga Louzao pregúntalle a Lara Méndez á vista destas diferenzas, “se non forma parte do mesmo Partido Socialista do alcalde de Vigo, Abel Caballero”.

Olga Louzao afirmou que “este custo desproporcionado non ten sentido nunha cidade coma Lugo, que ten precisamente na súa gastronomía e na súa hostalaría un dos principais atractivos e reclamos”, polo que considera que “estas taxas abusivas cobradas polo Concello desincentivan a apertura de novos negocios e encarecen os prezos que pagan os cidadáns ao ter que repercutir os establecimentos ese sobrecusto nos clientes”. A voceira de Ciudadanos indicou a modo de exemplo que “hai bares e cafeterías do centro que pagan ao Concello máis de 3.000 euros ao ano pola súa terraza”.

A voceira de Ciudadanos explicou que o Goberno municipal desestimou as alegacións presentadas pola asociación Lugo Monumental contra a ordenanza fiscal municipal número 152, que regula a ocupación da vía pública, e que o Goberno municipal de Lara Méndez levará á Comisión de Contas deste venres e aprobará definitivamente no pleno o xoves da vindeira semana. Entre os argumentos que o Goberno municipal utiliza para desestimar as alegacións de Lugo Monumental está o de que o prezo cobrado non é caro porque calquera bar do centro saca unha rendibilidade maior a 57 euros a cada cadeira que coloca na terraza. A xuízo de Olga Louzao, este é un argumento “subxectivo e inconsistente que abre a vía a futuras reclamacións xudiciais”.

Precisamente unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou ilegal a comezos de ano o método de cálculo utilizado polo Concello de Lugo na súa ordenanza fiscal número 152 e obrigou ao Goberno municipal a modificala para corrixir esta deficiencia. O Goberno municipal trae agora a pleno esta modificación, pero sen ter en conta aos colectivos afectados. De feito, quen conseguiu o fallo do alto tribunal galego foi a Asociación de Empresarios da Construción pola afectación da norma ao cobro tamén abusivo das grúas de obra. Sen embargo, o Concello de Lugo tamén desestima as alegacións presentadas por esta asociación á modificación da norma.

Pago de case 350.000 euros en 1.000 facturas de luz atrasadas e sen contrato

O Goberno municipal tamén levará ao pleno da vindeira semana un recoñecimento extraxudicial de crédito por importe de 346.692 euros para pagar 1.000 facturas da luz atrasadas e sen contrato, un procedimento legal absolutamente extraordinario e que o Goberno de Lara Méndez converteu xa en habitual pola súa “nefasta xestión económica”. O propio interventor advirte no seu informe que “debe reiterarse a necesaria incoación dos expedientes administrativos de licitación dos subministros básicos a efectos de posibilitar a adecuación normativa contractual de tales subministros”.

O grupo municipal de Ciudadanos votará en contra do pago destas facturas “dado que o Goberno municipal non está facendo nada por poñer ao día as ducias de contratos caducados que ten o Concello”, unha actitude que, advirte Olga Louzao, “roza a prevaricación”. Para a voceira de Ciudadanos, “é inaceptable que un Concello coma o de Lugo pague ao ano uns 6 millóns de euros en facturas da luz sen ter ningún tipo de contrato en vigor nin ter sacado a concurso público este subministro para lograr deste xeito tarifas máis baixas e competitivas, como facemos todos os cidadáns nas nosas casas”, polo que acusa á alcaldesa, Lara Méndez, de “non mirar polos intereses dos cidadáns de Lugo, que son realmente os que pagan estas facturas”.