Olga Louzao revela que unha de cada catro queixas presentadas o ano pasado teñen que ver con asuntos que dependen da Alcaldía e que as protestas de cidadáns dirixidas directamente á alcaldesa en 2016 multiplicáronse por catro, o que demostra, segundo a voceira de Ciudadanos, “o aumento do descontento social contra a xestión de Lara Méndez”
O incremento das queixas foi xeralizado, aínda que os servizos que máis protestas desatan son Servizos Sociais, Medio Ambiente, Augas, Cultura e Policía Local, Tráfico e Transportes, onde se multiplicaron por 6 no último ano as protestas dos cidadáns, pasando de 16 queixas en 2015 a 92 en 2016
Lugo, 22 de xuño de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, revelou esta mañá que as queixas dos veciños e veciñas de Lugo polo mal funcionamento dos servizos que presta o Concello duplicáronse no último ano, segundo o balance presentado esta mañá na Comisión de Queixas e Suxestións. O número de expedientes recibidos pasou de 144 en 2015 a 259 no 2016, o que demostra, a xuízo de Olga Louzao, “o aumento do descontento social contra a xestión da alcaldesa, Lara Méndez, e o seu Goberno, que ademais de ter a cidade absolutamente paralizada, sen acometer novos proxectos ou actuacións na cidade, demostra que a xestión do día a día dos servizos está a empeorar notablemente”.
Olga Louzao explicou ademais que aumenta o número de queixas que teñen que ver con asuntos que dependen directamente da alcaldesa, que recibiu o ano pasado 93 protestas, fronte ás 21 dirixidas á Alcaldía en 2015, “multiplicándose polo tanto no último ano por catro as queixas dirixidas á Alcaldía”. Para a voceira de Ciudadanos, “o descontento crecente dos lugueses e luguesas coa labor deste Goberno queda en evidencia con estes datos”.
O asunto que é obxecto de maior descontento por parte dos veciños e veciñas de Lugo correspóndese coas queixas recibidas pola labor no último ano da Policía Local, o Gabinete de Tráfico e a Policía Urbana, que se multiplicaron por 6, pasando de 16 a 92, das que 57 estaban referidas a permisos e autorizacións, 18 tiñan que ver con cuestións de ordenación do tráfico, 16 con labores de seguridade cidadá e 1 con asuntos relacionados coa Patrulla verde. Contra as labores encomendadas á Policía Local nas súas distintas facetas foron dirixidas o 35% das protestas totais presentadas polos cidadáns de Lugo en todo o 2016.
Servizos Sociais, Medio Ambiente, Augas e Cultura
A voceira de Ciudadanos no Concello detallou ademais que, trala Policía Local, os servizos municipais que máis queixas reciben polo seu mal funcionamento son Servizos Sociais (38 protestas en 2016), Augas (22) e Medio Ambiente (20). Chama a atención tamén o incremento no último ano das queixas dirixidas contra o funcionamento dos Servizos Sociais, que pasaron de 9 en 2015 a 38 o ano pasado. Tamén se incrementaron moito as protestas contra a área de Cultura que dirixe Carmen Basadre, que pasou de 3 queixas en 2015 a 8 no último ano.