Ciudadanos afirma que a proposta da alcaldesa “é unha simple lista de investimentos dificilmente executables e óbvia aspectos fundamentais a resolver como os de persoal ou os contratos caducados, dous dos problemas máis graves que ten o Concello actualmente”

Olga Louzao di que “o de Lara Méndez é xa un Goberno esgotado a metade de mandato que só será capaz de sacar adiante estes Orzamentos se conta coa connivencia cómplice dalgún outro grupo da Corporación municipal”   

Lugo, 21 de xuño de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo votará en contra no vindeiro Pleno dos “Orzamentos encubertos” que a alcaldesa, Lara Méndez, pretende aprobar mediante a modalidade da modificación de crédito das contas actuais, as de 2016. “O anuncio por parte do Goberno municipal da modificación do Orzamento que está actualmente en vigor no Concello de Lugo, que é o de 2016, é a posta en escea dun Goberno cobarde, dun Goberno falto de ideas e dun Goberno sen proxecto definido para a cidade de Lugo”, afirma Olga Louzao, que indica que “Ciudadanos non vai ser cómplice do desastre ao que este Goberno está levando á cidade de Lugo”.

Para Ciudadanos, a proposta que o Goberno pretende levar ao Pleno “é só un mal parcheo das contas do 2016 cunha lista de investimentos dificilmente executables e deixando á marxe capítulos de suma importancia como o de persoal e o de contratos, que están supoñendo os problemas máis graves que ten este Concello actualmente”. “Ciudadanos non pode apoiar unha modificación de 4 millóns de euros para investimentos cando se están a pagar máis de 20 millóns de xeito irregular en contratos caducados”, afirma Olga Louzao. “Por coherencia e por responsabilidade, que son principios que acompañan a política de Ciudadanos, o noso grupo votará que non no Pleno”, anuncia.

En canto ás formas, “a fórmula escollida por Lara Méndez para aprobar os seus Orzamentos é a forma máis cutre de afrontar unha responsabilidade de Goberno” e achácalle á alcaldesa “falta de valentía e de proxecto de cidade”. “O que vai a Pleno este mes é o resultado dun Goberno nefasto que non foi quen de presentar un proxecto propio de Orzamentos a principios de ano, nin de negociar un proxecto consensuado co resto dos grupos da Corporación, e que non tivo tampouco a valentía suficiente para someterse a unha cuestión de confianza á que vincular á aprobación das contas deste ano”, afirma Olga Louzao, que define a actual iniciativa do Goberno coma unha “manobra á desesperada dentro dunha estratexia premeditada, cobarde e chantaxista de aprobar os Orzamentos pola porta de atrás”.

Alcaldesa dedicada á petanca e ao becerro ao espeto no canto de Gobernar

Olga Louzao aclara que “a responsabilidade de sacar adiante os Orzamentos da cidade é do Goberno, non da oposición” e a voceira de Ciudadanos achácalle á alcaldesa, Lara Méndez, unha “falta de respecto constante co resto dos grupos malia á situación de extrema minoría na que se atopa este Goberno” ao “pretender aprobar os Orzamentos sen a máis mínima negociación, pola porta de atrás, sen información e chantaxeando á oposición”.

“Non cambiou nada desde o mes de maio, cando Ciudadanos tentou negociar uns Orzamentos de futuro co Goberno”, considera a voceira de Ciudadanos no Concello. “O único que cambiou é que se perdeu un mes máis”, engade, e que “estes investimentos non se van executar no que resta do ano porque aínda están sen gastar os orzamentados en 2016”, polo que Olga Louzao considera que “o verdadeiro obxectivo da alcaldesa con esta modificación é preparar unha bolsa importante de remanentes de obras para o último ano de mandato”, e afea á alcaldesa por dedicarse “a sacarse fotos xogando á petanca ou presentando a festa do becerro ao espeto no canto de dedicarse a gobernar un Concello que é o segundo que máis tarda en pagar de toda España e que vai estar intervido durante os vindeiros dous anos pola Xunta e o Ministerio de Hacienda pola súa nefasta xestión económica”.

“Connivencia cómplice” doutros grupos

Olga Louzao considera que “o de Lara Méndez é xa un Goberno esgotado a metade de mandato e sen ningún futuro por diante”, polo que Ciudadanos pensa que “só será capaz de sacar adiante estes Orzamentos se conta coa connivencia cómplice dalgún outro grupo da Corporación municipal”. “Cada quen terá que definirse porque os tempos dos votos de confianza remataron fai tempo”, apura Olga Louzao aos outros grupos e, nomeadamente “aos que andan con cambios estes días”, para que se definan “con claridade”.

“Somos conscientes en Ciudadanos de que con só dous concelleiros non imos impedir a aprobación destes Orzamentos, pero non estamos dispostos a facer a vista gorda das irregularidades que se están a cometer no Concello de Lugo e non imos se cómplices, coa nosa abstención, do desastre ao que este Goberno está levando a toda unha cidade”, argumenta Olga Louzao.