Jesús Expósito di que con 15 axentes da Policía Local é imposible atender ás máis de 600.000 persoas que acudiron á festa romana o ano pasado, segundo os datos do propio Goberno municipal e pide «reforzos suficientes da Policía Nacional»
O concelleiro de Ciudadanos pídelle a Lara Méndez e a Ramón Carballo «que deixen á marxe intereses partidistas e colaboren para poñer fin ao incremento dos actos de violencia e vandalismo que se están a producir ultimamente en Lugo»
Lugo, 20 de xuño de 2017. O Grupo Municipal de Ciudadanos esixiu esta mañá á alcaldesa socialista, Lara Méndez, e ao subdelegado do Goberno e líder do PP local, Ramón Carballo, «que deixen á marxe intereses partidistas e disputas políticas e colaboren no reforzo da seguridade na cidade de Lugo, cada quen cos seus efectivos, a Policía Local e a Policía Nacional, tanto de cara á vindeira celebración do Arde Lucus, unha festa que congrega na cidade de Lugo a máis de 600.000 persoas, segundo os datos do propio Concello de Lugo, como no día a día da cidade despois de que pase a festa».
Jesús Expósito, concelleiro de Ciudadanos, pídelle a Lara Méndez e a Ramón Carballo que «arrimen o ombreiro e traballen de maneira conxunta e coordenada na erradicación dos focos de violencia que se viviron na cidade de Lugo nos últimos meses en distintos horarios e localizacións, e que quedaron de manifesto de maneira reveladora nos últimos acontecementos na Praza Maior a pleno día». «A cidadanía de Lugo bota en falla máis presenza policial na rúa, tanto por parte dos axentes da Policía Local como de axentes da Policía Nacional», afirma o concelleiro de Ciudadanos, que considera «deficitarias» as plantillas tanto dun corpo como do outro «para atender as necesidades dunha cidade de 98.0000 habitantes». «O número de efectivos tanto da Policía Local como da Policía Nacional en Lugo non foron evolucionando acorde a como medraba a cidade en poboación, máis ao contrario, fóronse diminuíndo nos últimos anos mentres que o número de habitantes se incrementaba, polo que a ratio de axentes por habitante está moi descompensada», denuncia Expósito.
Deste xeito, segundo Ciudadanos, «cando nalgún dos turnos da Policía Local non hai suficientes axentes patrullando, a Policía Nacional non pode corrixir esa situación porque tampouco ten efectivos dispoñibles para efectuar reforzos, como acontece frecuentemente nas noites das fins de semana». Para Jesús Expósito, «a situación de falta de efectivos nos turnos da Policía Local non se resolve subíndolles o soldo para telos contentos, como pretende facer a alcaldesa na RPT ou como fai habitualmente mediante pagas de produtividade e horas extra, senón cubrindo as prazas vacantes existentes, esixindo o cumprimento íntegro do horario e restruturando o corpo para que haxa máis axentes na rúa en cada turno».
Divertimento con seguridade
Ciudadanos defende que «o Arde Lucus é unha festa que atrae a milleiros de persoas á cidade de Lugo e que supón unha importante inxección económica para a cidade» polo que considera que «o seu éxito e crecemento non se pode poñer en risco por unha deficiente seguridade». Neste sentido, Expósito di que «con 15 axentes da Policía Local, os habituais por turno, é imposible atender ás máis de 600.000 perosas que visitan a cidade», polo que lle pregunta a Ramón Carballo «se vai haber reforzos suficientes da Policía Nacional no Arde Lucus e se estes van ver incrementados como consecuencia do nivel de alerta antiterrorista existente».
O concelleiro de Ciudadanos tamén lle esixe ao Goberno municipal «que manteña a esencia inicial da festa, a da participación da cidadanía e as familias, e non permita que o Arde Lucus se convirta nun macrobotellón de verán». Jesús Expósito alerta de que «outras celebracións multitudinarias, como o San Fermín, convertéronse nos últimos anos en festas caracterizadas por unha elevada conflictividade» e avoga por «evitar que o Arde Lucus adopte ese modelo».