Olga Louzao afirma que “esta é xa unha práctica moi extendida noutras urbes europeas que contribúe a dinamizar a vida da cidade e a fomentar o talento creativo dos grupos locais”

Cidades como Granada, Formentera ou, desde xullo pasado, Barcelona modificaron a súa normativa municipal para permitir este tipo de espectáculos en bares e restaurantes, suxeito a unha serie de condicións de insonorización e horarios que permitan conciliar o descanso dos veciños e veciñas     

Lugo, 19 de xuño de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos levará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para que o Concello modifique a normativa municipal actualmente en vigor e permita aos bares e restaurantes da cidade programar música en vivo e outro tipo de espectáculos, unha práctica xa habitual en moitas urbes europeas e que cidades como Granada, Formentera ou, recentemente, Barcelona, tamén están a adoptar.

“Facilitar as actuacións de música ao vivo así como outro tipo de espectáculos permite dinamizar o tecido comercial e hostelero da cidade e cumprir tamén coa demanda de artistas locais que prefiren este tipo de formato de cercanía co público para amosar a súa produción artística e cultural, ampliando así os circuitos convencionais polos que discorre a oferta e o mercado cultural. Poder organizar actuacións ou representacións de pequeno formato nos refereridos establecementos de hostalaría da cidade á un aliciente para reactivar a cultura e o ocio local, ademais de engadir outro atractivo turístico de primeira orde de cara a quen nos visita”, argumenta a voceira de Ciudadanos en Lugo, Olga Louzao, na súa iniciativa, que será debatida no Pleno deste mes, o xoves 29 de xuño.

A iniciativa presentada por Ciudadanos coa intención de que sexa respaldada polo resto de grupos da Corporación, conta con catro puntos de acordo, nos que se pide á Xunta de Galicia a regular a posibilidade de música ao vivo nos locais de hostalaría dentro da Lei de Espectáculos de Galicia, que se atopa en proceso de elaboración e íntase ao Goberno municipal de Lara Méndez a aprobar, antes de que remate o ano, unha nova Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica, que substitúa á que actualmente está en vigor desde o ano 2003, adaptada ao Decreto 106/2015 da Xunta de Galicia sobre Contaminación Acústica, e na que se inclúa a posibilidade de que os locais de hostalaría e restauración da cidade poidan organizar actuacións musicais ou outro tipo de espectáculos en directo, así como regular a posibilidade de contar con música ambiental, “fixando ao mesmo tempo na norma as condicións para que se respecte o dereito ao descanso dos veciños e veciñas en canto a illamento dos locais e horarios permitidos, de maneira que se evite tamén a competencia desleal entre establecimentos”. Finalmente, Ciudadanos propón ao Goberno municipal establecer unha liña de axudas para que aqueles establecimentos interesados en programar este tipo de actividades poidan adaptar os seus locais ás condicións esixidas pola normativa.

Agora mesmo, segundo explica Ciudadanos, para poder levar a cabo este tipo de espectáculos de música ao vivo, os establecementos de hostalaría da cidade atópanse con graves atrancos froito da falta de regulación específica tanto na normativa municipal como na lexislación autonómica. Por exemplo, neste momento a posibilidade de programar ou reproducir música, xa sexa en directo ou amplificada, limítase a establecimentos con licenza de café-concerto, pub ou discoteca, polo que para que un bar ou un restaurante poidese programar actividades deste tipo tería que presentar un proxecto específico para cada actuación que se queira facer e solicitar autorización cunha antelación de 30 días, segundo a Lei de Emprendemento de Galicia, que é a norma que regula a apertura de establecimentos e a organización puntual de espectáculos á falta da aprobación da Lei de Espectáculos de Galicia, en fase de tramitación.

Necesidade de modificar tanto a normativa do Concello como a da Xunta

Para levar a cabo a proposta de Ciudadanos, é necesario modificar tanto a normativa municipal ao respecto como a autonómica. Neste sentido, é preciso que a Lei de Espectáculos de Galicia, en fase de elaboración cun anteproxecto presentado en abril de 2016 por parte do Goberno da Xunta, afonde en dar solucións e facilidades á música ao vivo, do mesmo xeito que é preciso que a nivel municipal este tipo de espectáculos aparezan recollidos de xeito específico na Ordenanza municipal de Contaminación Acústica, que se atopa tamén en fase de elaboración no Concello de Lugo.

A Ordenanza municipal en vigor, do ano 2003, precisa ser adaptada ao Decreto 106/2015 da Xunta de Galicia sobre contaminación acústica e xa deu pé a distintas sentenzas en contra do Concello de Lugo entre outras, pola regulación das consideradas como zonas saturadas. Sen embargo, o Decreto da Xunta innova só no illamento dos locais pero non establece criterios para delimitar as zonas saturadas, que segue quedando como competencia propiamente municipal.

No Pleno Ordinadio do 2-9-2013 foi aprobada inicialmente a Ordenanza Reguladora de Contaminación Acústica do Concello de Lugo, pero esta quedou en stand by e non se aprobou definitivamente tras recibir máis de 100 alegacións no prazo de exposición pública. Ao xuízo do Grupo Municipal de Ciudadanos, é necesario retomar a elaboración desta norma, que se atopa neste momento en fase de recollida das aportacións dos distintos departamentos municipais, para axilizar a súa aprobación e que estea en vigor antes de final de ano.

Normas para conciliar o descanso dos veciños e veciñas e evitar a competencia desleal entre establecimentos

Segundo considera Olga Louzao, nesta nova Ordenanza municipal debería darse a posibilidade aos locais de hostalaría da cidade a programar e organizar actuacións de música ao vivo ou outro tipo de espectáculos, así como poder contar con música ambiental, fixando ademais as condicións en canto a niveis de amplificación, illamento dos locais e horarios permitidos, de maneira que permita conciliar esta posibilidade co dereito ao descanso dos veciños e veciñas así como evitar a competencia desleal entre establecimentos con distintos tipos de licenzas de actividade (bares, restaurantes, cafés-concerto, pubs ou discotecas).

 

Segundo distintos cálculos efectuados, a adaptación dun local convencional para poder programar música suporía un investimento que podería rondar, dependendo dos casos, os 20.000 euros de media, contando a insonorización e a instalación de aparellos para rexistrar o nivel de decibelios emitidos. Faise necesario, polo tanto, o establecimento tamén dunha liña de axudas municipais que permita aos locais adpatar as súas instalacións a estes condicionantes.

Unha práctica moi extendida noutras cidades europeas

Son moitas as cidades tanto europeas como doutras partes do Estado que están a apostar por regular para permitir e favorecer este tipo de espectáculos que contribúen a dar vida e actividade comercial ás cidades. En Andalucía, Granada conta cunha norma deste tipo e Málaga ou Xerez están tamén en proceso de regulación desde 2013. Tamén Xixón, Formentera e recentemente Barcelona apostaron por pertimir este tipo de espectáculos, que xa son unha práctica habitual en moitas cidades europeas.

En 2012, a Comisión Europea presentou a estratexia Cultura Creativa 2014-2020 destinada especificamente a aproveitar plenamente o potencial da cultura e da creación dentro da Unión Europea, destacando a súa importancia non só como axente necesario para o benestar da sociedade senón tamén como estimulación do emprego e o crecemento económico. Entre os datos que manexa a propia Comisión Europea, están que este sector xera, de media, 10 veces o valor da inversión (por cada euro invertido en cultura xéranse 10 no conxunto da economía na que se desenvolvan estas actividades) e, en conxunto, 1,7 millóns de postos de traballo na eurozona, 5 veces máis que o sector das telecomunicacións, por exemplo. A nivel local e rexional, as inversións estratéxicas nestes sectores deron a cotío resultados espectaculares, como puxeron de manifesto numerosas capitais europeas da cultura.