Adebeda un total de 36.000 euros ás distintas librarías de Lugo, que adiantaron o mateiral ás familias, desde o mes de setembro

O concelleiro de Ciudadanos, Jesús Expósito, pregúntalle ao responsable de Educación, Manuel Núñez, mestre de profesión, se aproba este “retraso intolerable” 

 

Lugo, 3 de maio de 2017. Cando está a piques de rematar o actual curso escolar, o Goberno municipal do PSOE non aboou aínda as axudas para libros de texto. O concelleiro de Ciudadanos, Jesús Expósito, esplicou esta mañá que o Concello non pagou aínda as bolsas para libros e material escolar correspondentes a este curso e pregúntalle ao responsable de Educación do Goberno de Lara Méndez, Manuel Núñez, que é mestre de profesión “se aproba este retraso de máis de sete meses, que Ciudadanos considera inaceptable e intolerable”.

O Concello de Lugo destina 36.000 euros ao ano dos seus Orzamentos a axudas para libros de texto e material escolar destinados a nenos e nenas de 3 a 6 anos matriculados nos distintos centros de educación infantil que hai na cidade e procedentes de familias con poucos recursos económicos. Estas bolsas, por importe de 80 euros por neno ou nena, benefician a 450 familias, pero o retraso no seu aboamento provoca prexuizos tanto aos beneficiarios como aos libreiros, que tiveron que adiantar o material para que estes cativos e cativas dispuxeran do material igual que os seus compañeiros e compañeiras.

De feito, segundo explica Expósito, o Concello adebeda neste momento eses 36.000 euros ás distintas librarías de Lugo. As axudas municipais para libros de texto saíron convocadas ao comezo do curso escolar a mediados de setembro, pero o Goberno municipal non as resolveu até o mes de xaneiro. Este retraso fixo que houbese nenos e nenas que comezasen o curso sen o material necesario e, ante as queixas dos seus mestres e mestras, o Concello pediu ás librarías que adiantasen o material, que a día de hoxe teñen aínda sen cobrar.

O resto de cidades galegas, que igual que o Concello de Lugo contan con axudas deste tipo, páganas normalmente a finais de outubro, polo que “o que pasa en Lugo é un caso único que non pasa en ningún outro concello galego”, denuncia Expósito. O concelleiro de Ciudadanos afirma que “grazas á mala xestión do actual Goberno municipal, o Concello de Lugo converteuse no concello máis moroso de Galicia” e lembra que “é a segunda capital de provincia de todo o Estado que máis tarda en pagar as facturas”, cun periodo medio de pago a proveedores de 108 días. “Tardar un ano en pagar as axudas para libros de texto é un exemplo máis desa desastrosa xestión”, afirma Expósito, que di que “disto o Goberno non pode botar a culpa á oposición”.