O adianto da idade de xubilación dos axentes aos 60 anos, previsto para o mes de xuño, podería deixar moi mermada a plantilla, formada actualmente por 125 membros

Un total de 24 policías cumplirán este ano os criterios para poder acollerse á xubilación anticipada e Ciudadanos calcula que o Goberno municipal non será quen de cubrilas antes de que acabe o mandato

 

Lugo, 21 de abril de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos alertou novamente esta mañá da situación na que se atopa a Policía Local, formada neste momento por 125 membros, pero que podería verse mermada de xeito moi importante coa entrada en vigor no vindeiro mes de xuño do Real Decreto acordado entre a FEMP e o Ministerio de Emprego para adiantar a idade de xubilación dos policías locais aos 60 anos.

 

O concelleiro de Ciudadanos Xesús Expósito explicou que o concelleiro de Persoal, Daniel Piñeiro, informou esta mañá na Comisión a preguntas de Ciudadanos que o número de membros do corpo podería verse reducido nunha quinta parte, dado que dos 125 policías actuais 18 deles (6 oficiais, 1 intendente principal e 11 axentes) teñen xa máis de 60 anos e outros 6 cumpren durante este ano.

Ciudadanos alerta do alto grado de envellecemento da plantilla actual da Policía Local de Lugo, posto que nos últimos anos non foron convocadas prazas para novos axentes que fosen substituíndo aos que se xubilaban e rexuvenecendo a plantilla. De feito, o Goberno local aprobou a Oferta de Emprego Pública deste ano, na que non se contempla ningunha praza para novos axentes. Inclúense, sen embargo, 6 novas prazas de mandos dentro da Policía Local, que serán cubertas por promoción interna entre os actuais axentes. En concreto, trátase dunha nova praza de inspector principal, tres inspectores e 2 oficiais, co que “a Policía Local de Lugo vai camiño de converterse nun corpo con máis xefes que axentes”, criticou Xesús Expósito. Con esta reorganización deseñada polo Goberno, o corpo pasará a contar con 28 mandos e só 97 axentes.

 

Situación de “colapso” por unha política de persoal “errática”

 

Xesús Expósito afirmou que á situación de “colapso” á que se chegou na Policía Local e noutros moitos servizos do Concello débese “á errática política de persoal deste Goberno”, que “en dous anos non foi quen de convocar nin unha soa praza”. Neste sentido, o concelleiro de Ciudadanos explicou que as Ofertas de Emprego Público dos anos 2015 e 2016 atópanse recurridas, polo que Lara Méndez leva desde que foi escollida alcaldesa sen crear un só posto de traballo, “malia ás carencias evidentes de persoal en moitos servizos do Concello”.

 

No caso da Policía Local, hai vacantes 10 prazas de axentes desde hai varios anos, procedentes da reorganización efectuada na época de Orozco, que non se poden cubrir porque non foron convocadas no seu momento. “Chegouse a esta situación pola deixadez dos sucesivos Gobernos socialistas, primeiro do señor Orozco e agora da señora Lara Méndez”, afirmou Expósito, que considera que “se se xubila este ano unha quinta parte da plantilla a Policía Local de Lugo quedará cun cento de axentes polo menos durante dous anos”.

Ese é o tempo que estima Ciudadanos necesario para reemprazar a un axente de policía que se xubila, xa que aínda que a taxa de reposición de efectivos establecida polo Goberno central permite cubrir o 100% das baixas por xubilación de policías, estas prazas teñen que ser incluídas na Oferta de Emprego Público do ano seguinte e o Goberno municipal ten despois que convocar as prazas, facer o proceso selectivo e enviar a formarse durante 9 meses aos novos axentes á Academia Galega de Seguridade, polo que “neste mandato vai ser difícil que se poidan cubrir esas prazas”, afirma Xesús Expósito.