Nos dous casos conta con informe desfavorable do Interventor municipal por non cumprir coa lexislación vixente en materia de contratación pública por “deficiente planificación, falta de concreción nas funcións e finalidades das propostas de gasto e nos requisitos esixidos ás empresas que prestarán os servizos”
Olga Louzao considérao “unha chapuza máis de última hora na xestión dos fondos do Plan Urban” por parte do Goberno de Lara Méndez
Lugo, 3 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos revelou hoxe que o Goberno municipal contratou o pasado xoves “in extremis” e “saltándose a legalidade” a dúas empresas para manter aberto o Vello Cárcere e o edificio de Novas Tecnoloxías que está detrás da Casa Consistorial para non perder os fondos FEDER que a Unión Europea aportou dentro do Plan Urban para rehabilitar estes dous inmobles.
O importe total dos dous contratos é de case 40.000 euros (21.550 no caso do Vello Cárcere e 18.150 no caso do edificio de Novas Tecnoloxías) e a súa adxudicación, realizada o pasado xoves, o mesmo día da inauguración do Vello Cárcere e cando o edificio de Novas Tecnoloxías levaba xa unha semana aberto, conta con “contundentes informes desfavorables do Interventor municipal”, segundo revelou esta mañá a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao.
Entre outras cuestións, o Interventor municipal expón no seu informe desfavorable que o Goberno actuou con “deficiente planificación” nos dous casos, non cumpriu coa obriga legal de presentar tres orzamentos como é necesario para a modalidade de contrato menor e as propostas de gasto son “xenéricas e sen concreción” tanto nas funcións e finalidades dos contratos como nos requisitos e obrigas esixidos ás empresas adxudicatarias. Da mesma maneira, o responsable do servizo económico do Concello indica que “non cabe prórroga” unha vez finalicen estes contratos, que se xustifican como de “posta a punto” no caso do edificio de Novas Tecnoloxías e de “apertura e atención” no caso do Vello Cárcere, e alerta de que estas dúas adxudicacions poden acarrear consecuencias legais para o Concello de Lugo ao non fixarse un funcionario municipal responsable da supervisión destes contratos.
Olga Louzao afirma que “o Goberno incumpre a legalidade vixente en materia de contratos, como indica o Interventor” e pregunta “que vai pasar cando rematen estes contratos, vanse pechar entón os edificios ou pensa o Goberno botar man da súa fórmula preferida, o pago de facturas con contrato caducado, xa habitual neste mandato”, cuestiona a voceira de Ciudadanos. No caso do Vello Cárcere, que atenderá a empresa Alenti, o contrato caduca o 31 de agosto, porque no caso de extendelo por máis tempo o seu importe excedería o máximo legal permitido para este tipo de contratos menores (17.999 euros máis IVE). A proposta de gasto asinada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre, indica na motivación do contrato que “co obxecto de poder abrir ao público e poñer a funcionar o Centro Cultural O Vello Cárcere en cumprimento dos compromisos adquiridos polo Plan Urban é imprescindible contratar un servizo de apertura e atención ao público desde o 30 de marzo até o 31 de agosto de 2017, prazo que se establece este departamento para a elaboración dun prego de contratación e que require duns prazos dos que non se dispuxo antes”. Sen embargo, no seu informe o Interventor municipal indica que “non é admisible a definición de urxencia tendo en conta o coñecimento dos prazos do Programa Urban”.
Outro tanto alega o Interventor ao contrato de 18.150 euros á empresa Soluciones Pc Light SLU para a atención do edificio de Novas Tecnoloxías pegado ao Concello. Na proposta de gasto, asinada pola concelleira de Servizos Xerais, Rosana Rielo, explícase que o contrato é “para a posta en marcha da actividade do edificio de Novas Tecnoloxías nos prazos estipulados na disciplina do Plan Urban e coa finalidade descrita no mesmo de centro de utilización pola cidadanía, formación, biblioteca e non uso administrativo, faise necesaria realizar unha posta a punto inicial e a realización de talleres formativos para difundir os medios presentes e a súa utilización por diferentes colectivos veciñais e entidades, de xeito independente á programación estable do edificio que poidera ser elaborada tendo en conta este proceso inicial de arranque”.
Inconcreción de usos
Olga Louzao critica as “présas de última hora” do Goberno municipal por abrir os dous edificios e non perder os cartos do Plan Urban e a “tremenda inconcreción” que existe en canto ao usos que se lles vai dar a estes dous inmobles. Na propia invitación que a área de Cultura fixo ás distintas empresas para que presentaran orzamento (só o fixeron 2 cando a lei establece, segundo lembra o Interventor, que deben figurar cando menos tres orzamentos distintos) Carmen Basadre recoñece que “é urxente realizar a contratación de persoal para poñer a funcionar esta nova dotación cultural con parte dos usos que están previstos na memoria do proxecto. A data límite para a súa entrada en funcionamento é o 31 de marzo de 2017 sen posibilidade de dilación, polo que se contempla unha situación de extrema urxencia e necesidade, ao perigar a recepción do financiamento procedente dos fondos europeos por incumprimento de prazos e de compromisos adquiridos polo Concello de Lugo como receptor do Plan Urban”, recoñece textualmente o prego de condicións técnicas para a contratación do persoal necesario para a apertura do novo centro cultural.
O documento deixa claro tamén a “indefinición existente en relación aos usos que se lle van dar ao edificio do Vello Cárcere”, segundo indica Ciudadanos. “Pola heteroxeneidade dos seus fins e a abstracción conceptual destes, advírtese unha patente complexidade para establecer as necesidades de persoal dun xeito definitivo e resulta previsible que o transcorrer do tempo e do propio uso vaian dictando novas e, posiblemente máis reais e concretas, esixencias”, indica textualmente o documento elaborado polo departamento de Cultura. “É dicir, que Carmen Basadre non sabe a día de hoxe que vai facer co edificio”, resume a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao.
O prego elaborado polo departamento de Cultura considera “imprescindibles” para abrir o Vello Cárcere a tres persoas: unha para recepción e atención telefónica, un guía con titulación universitaria en Humanidades e experiencia previa como guía de exposicións e un técnico audiovisual con título de formación profesional de grado superior. Deberán manter en funcionamento o edificio e aberto ao público a partir do día seguinte á inauguración durante os 7 días da semana: de 11 a 14 e de 17:30 a 20:30 horas de luns a xoves, de 11 a 14 e de 17:30 a 22:30 horas os venres e os sábados, e de 11 a 14 e de 17:30 a 20:30 horas os domingos. O Goberno municipal recurriu á fórmula do contrato menor sen publicidade, mediante a invitación a participar no proceso a tres empresas, pero tan só dúas presentaron ofertas válidas.
“O propio Goberno fomenta a precariedade laboral nos sus contratos”
Olga Louzao critica tamén as condicións nas que se ofertan estes tres postos de traballo xa que o prego indica que se establece “como único criterio de valoración a oferta económica que resulte máis vantaxosa para o Concello”, polo que acusa ao propio Goberno municipal de “fomentar a precariedade laboral con este tipo de contratos á baixa, nas que o único criterio que prima é a oferta económica, que sempre vai en detrimento do salario do propio traballador”. A voceira de Ciudadanos pregúntalle á alcaldesa, “á que se lle enche a boca de falar de calidade do emprego, de clausulas sociais e defensa dos traballadores, se este é o seu modelo de emprego estable e de calidade: contratos de 5 meses en condicións precarias e salarios baixos”.
Olga Louzao considera estes contratos de Carmen Basadre e Rosana Rielo “unha chapuza máis de última hora do Plan Urban” e afirma que “este modo trapalleiro de actuar é acorde a como se levou a cabo todo o proceso de rehabilitación do Vello Cárcere e coherente co modo habitual de traballar deste Goberno desnortado e sen criterio”. A voceira de Ciudadanos dille á alcaldesa que “as présas de última hora non son nunca boas” e lémbralle que “o persoal necesario para a atención do Vello Cárcere debería estar incluído no novo contrato dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos”. “É unha falta de previsión absoluta, porque sabían que o Vello Cárcere tiña que estar aberto antes do 31 deste mes, tal como indica o Interventor municipal”, lembra Olga Louzao.
Carmen Basadre, “campioa” dos contratos caducados
Olga Louzao critica a “pasividade” do Goberno municipal en relación aos contratos caducados, e considera que “lonxe de ter mellorado a situación desde que Lara Méndez é alcaldesa, foi a pior”. Ciudadanos pídelle á alcaldesa que “poña remedio” a esta “ilegalidade na contratación pública que se converteu xa en habitual” e denuncia que “aínda que se trata dun mal que afecta a todas as áreas do Goberno os campións dos contratos caducados son Manuel Núñez e Carmen Basadre, xa que das súas áreas dependen a meirande parte dos contratos que non están en vigor”.
No departamento que xestiona Carmen Basadre está caducado o contrato para a atención da Casa da Música e a Casa da Xuventude, por un importe de 57.366 euros ao ano, as actividades de Prevención de drogodependencias dirixidas á xente moza, por importe de 8.136 euros e o servizo de asesoramento xuvenil, por 7.086 euros anuais. A empresa que presta estes servizos sen contrato, Alenti, é a mesma á que Carmen Basadre lle acaba de adxudicar a apertura do Vello Cárcere.
Tamén está caducado desde hai máis de dous anos, en concreto desde o 23 de novembro de 2014, o contrato para a xestión dos museos municipais. Ciudadanos pregúntalle ao Goberno municipal “cando prevé sacar a concurso o novo prego e en que situación ou fase de tramitación se atopa actualmente, tendo en conta que o contrato leva caducado case dous anos e medio e ten un custo anual de 205.974 euros que se están a pagar de xeito irregular como lembra cada mes o interventor á hora de aboar a correspondente factura”, indica Olga Louzao. “En vez de sacar dunha vez a concurso este prego e incluír nel todos os edificios culturais do Concello, o Goberno segue parcheando a situación con contratos menores irregulares”, afirma Olga Louzao.
Rosana Rielo e a mala xestión das páxinas web do Concello
Rosana Rielo mantén tamén caducado o contrato de mantemento da páxina web municipal (www.lugo.gal), adxudicado a Tecnologías Plexus SL. Este contrato está caducado desde hai case dous anos, en concreto desde o 5 de abril de 2015 e a empresa cobra 2.278 euros ao mes con reparos de legalidade do Interventor por realizar estas tarefas de actualización e mantemento do portal. O Goberno municipal sacou no pasado mes de decembro a concurso de novo este servizo, pero a día de hoxe segue sen adxudicarse, polo que segue prestándoo Plexus cun contrato caducado.
O grupo municipal de Ciudadanos denuncia ademais neste caso que o Goberno socialista vai incrementar nun 50% o custo do mantemento e actualización de contidos dentro da páxina web municipal, que vai pasar dos 26.045 euros que custa na actualidade a 41.300 euros no novo contrato sen que se xustifiquen as melloras que se van producir con este importante incremento. Olga Louzao explica que o prego de condicións aprobado polo Goberno de Lara Méndez para sacar a concurso a actualización de contidos da web municipal inclúe un importe de 3.441 euros mensuais e o prazo do contrato é dun ano coa posibilidade de prorrogalo un ano máis.
No prego técnico recóllese a actualización de contidos do portal www.lugo.gal, incluídas as páxinas web específicas que colgan del, como son a do Cei-Nodus, a do EspazoLab, a do Servizo de Prevención de Drogas e a do Europedirect. Sen embargo, tal como denuncia Ciudadanos, segue sen incluirse no novo contrato o mantemento das páxinas web do San Froilán e do Arde Lucus, que malia ser dous dos acontecementos máis importantes da cidade, non colgan do portal municipal. Olga Louzao considera “un despropósito” este xeito de actuar e pregúntalle a Carmen Basadre, responsable de Cultura, se non se fala coa concelleira responsable de Novas Tecnoloxías, Rosana Rielo. A actualización das páxinas web do San Froilán e o Arde Lucus deste ano foron contratadas de novo “por libre” por Carmen Basadre, repetindo o modo de actuar da pasada edición e mesmo incrementando o importe total en 5.000 euros con respecto ao gastado o ano pasado nestes traballos, e supoñen un gasto total de 21.000 euros. O contrato foi adxudicado recentemente á empresa Inteligencia Visual. Ciudadanos critica que todos estes contidos, tanto as webs do San Froilán e do Arde Lucus, como a web da Praza de Abastos non se incúan de maneira conxunta no contrato do mantemento do portal web municipal, “de maneira que unha mesma empresa se encargue de toda a xestión de contidos dixitais do Concello e non haxa que andar pagando a distintas empresas por actuacións inconexas”.
Olga Louzao afeou o traballo de Rosana Rielo e afirmou que “a páxina web do Concello debe servir para que os cidadáns poidan realizar trámites sen saír da súa casa e non só para colgar as fotos dos saraos aos que vai a alcaldesa”. Neste sentido, botou man dun informe presentado recentemente pola Asociación de Internautas sobre a utilidade das páxinas web dos distintos concellos do Estado que indica que Lugo está á cola na tramitación dixital, entre as 11 cidades do Estado que menos trámites a través da súa web permite facer, en concreto menos de 30, tres veces menos que a media do resto de cidades.