Olga Louzao pide responsabilidades á concelleira de Economía, Ana Prieto, por ter pagado a factura e non facer o seguemento necesario     

 

Os praceiros estudan poñer en marcha unha nova páxina web para a venda online dos seus produtos á vista de que a posta en marcha polo Concello non funciona

IMG_20170310_134001_opt 

 

Lugo, 13 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos denunciou hoxe que a páxina web da Praza de Abastos e do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros non está xa operativa, tan só dous anos despois de ser posta en marcha. A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, explica que este portal web (www.mercadodelugo.es) foi concebido para facilitar a venda online aos praceiros e aumentar os servizos complementarios e a visibilidade da Praza como xeito de dinamizala, imitando iniciativas semellantes postas en marcha noutras cidades con notable éxito, como acontece no caso da Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

Sen embargo, denuncia Olga Louzao, no caso da iniciativa posta en marcha polo Concello de Lugo “quedou en fume e despilfarro de cartos públicos, xa que tan só dous anos despois de que se pagaran 34.000 euros por esta páxina web, xa non funciona e non ten, polo tanto ningunha utilidade práctica nin para os usuarios nin para os propios praceiros”. O contrato foi adxudicado en 2013 á empresa Tecnologías Plexus SL e incluía o deseño, creación e posta en marcha dun portal web con información detallada da Praza e o Mercado (historia, localización, servizos, etc) e de cada un dos seus postos, coa posibilidade para os praceiros de poder vender as mercadorías por Internet, facilitando deste xeito o servizo de venda electrónica mediante unha tenda online para que os titulares dos postos puidesen empregar esta nova canle para a comercialización dos seus produtos e mercadorías, cun catálogo máximo de 100 produtos dispoñibles por establecemento e coa posibilidade engadida tamén de poder emitir facturas.

Dos 70 comerciantes que ocupan os postos da Praza e o Mercado, un total de 21 sumáronse a esta iniciativa da venda online. A empresa responsable da páxina entregou a cada un deles un nome de usuario e unha contrasinal para poder acceder á páxina, cargar os produtos e xestionar a súa venda pero a web leva meses sen funcionar. O prego de clausulas do contrato prevía tamén 100 horas de formación para o manexo da plataforma. Dado que a páxina do Concello non funciona, un grupo de comerciantes está estudando neste momento a posibilidade de encargar de motu propio a posta en marcha dunha nova páxina para a venda online.

Olga Louzao pide responsabilidades polo acontecido á concelleira de Economía, Ana Prieto, por ter pagado a factura e non facer o seguemento necesario en relación ao mantemento do servizo. De feito, a factura á empresa Plexus por este portal web foi unha das primeiras que pagou o novo Goberno de Lara Méndez nada máis tomar posesión. O decreto de pago, por importe de 34.122 euros, foi asinado por Ana Prieto o 21 de setembro de 2015 con cargo aos fondos do Plan Urban, polo que o 80% desa cantidade (25.944 euros) correspóndense con fondos Feder da UE. Ciudadanos pregunta “que vai dicir Bruxelas cando vexa que dous anos despois de entregarlle ao Concello de Lugo case 26.000 euros para poñer en marcha este servizo xa non funciona” e quere saber se existe risco de ter que devolver a subvención recibida.

Ciudadanos critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos do Plan Urban” e explica que no momento do pago da factura abonada a Plexus pola web da Praza de Abastos, a directora do Urban, Blanca Cañal, asinou un informe no que indica textualmente que “a empresa executou a actividade conforme aos requisitos sinalados nos pregos, realizándose desde a Oficina Urban unha labor de seguemento e control”. O expediente de pago consta ademais doutro informe do servizo de Informática, asinado por Eduardo Risco, no que se sinala que “os problemas detectados nas primeiras comprobacións realizadas á implantación da web mercadodelugo.es, relativos ao rendemento e ao bloqueo do acceso ao dito portal, xa foron corrixidos pola empresa Plexus e na actualidade non se atopan problemas no dito portal ou nos servizos de implantación que impidan a normal tramitación da correspondente factura”. Olga Louzao di que “parece que a páxina só funcionou puntualmente para poder cobrar a factura, pero non para dar servizo aos praceiros, que foi para o que foi creada e pagada”.

Trátase da mesma empresa que mantén cun contrato caducado a páxina web municipal

A adxudicataria deste contrato da web da Praza de Abastos é a mesma empresa que leva o mantemento da páxina web municipal (www.lugo.gal). Este contrato está caducado desde hai case dous anos, en concreto desde o 5 de abril de 2015 e a empresa cobra 2.278 euros ao mes con reparos de legalidade do Interventor por realizar estas tarefas de actualización e mantemento do portal. O Goberno municipal sacou no pasado mes de decembro a concurso de novo este servizo, pero a día de hoxe segue sen adxudicarse, polo que segue prestándoo Plexus cun contrato caducado.

O grupo municipal de Ciudadanos denuncia ademais neste caso que o Goberno socialista vai incrementar nun 50% o custo do mantemento e actualización de contidos dentro da páxina web municipal, que vai pasar dos 26.045 euros que custa na actualidade a 41.300 euros no novo contrato sen que se xustifiquen as melloras que se van producir con este importante incremento. Olga Louzao explica que o prego de condicións aprobado polo Goberno de Lara Méndez para sacar a concurso a actualización de contidos da web municipal inclúe un importe de 3.441 euros mensuais e o prazo do contrato é dun ano coa posibilidade de prorrogalo un ano máis.

 

No prego técnico recóllese a actualización de contidos do portal www.lugo.gal, incluídas as páxinas web específicas que colgan del, como son a do Cei-Nodus, a do EspazoLab, a do Servizo de Prevención de Drogas e a do Europedirect. Sen embargo, tal como denuncia Ciudadanos, segue sen incluirse no novo contrato o mantemento das páxinas web do San Froilán e do Arde Lucus, que malia ser dous dos acontecementos máis importantes da cidade, non colgan do portal municipal. Olga Louzao considera “un despropósito” este xeito de actuar e pregúntalle a Carmen Basadre, responsable de Cultura, se non se fala coa concelleira responsable de Novas Tecnoloxías, Rosana Rielo. A actualización das páxinas web do San Froilán e o Arde Lucus foron contratadas “por libre” o ano pasado por Carmen Basadre e supuxeron un custo a maiores de 8.469 euros no caso da festa romana e 7.502 euros no caso das patronais. Nos dous casos foron adxudicadas á mesma persoa baixo o CIF de dúas empresas distintas mediante un contrato menor sen publicidade.

O Goberno municipal abriu de novo o proceso de contratación para as web do Arde Lucus e o San Froilán deste ano a comezos deste mes, repetindo o modo de actuar da pasada edición e mesmo incrementando o importe total en 5.000 euros con respecto ao gastado o ano pasado nestes traballos. Ciudadanos critica que todos estes contidos, tanto as webs do San Froilán e do Arde Lucus, como a web da Praza de Abastos non se incúan de maneira conxunta no contrato do mantemento do portal web municipal, “de maneira que unha mesma empresa se encargue de toda a xestión de contidos dixitais do Concello e non haxa que andar pagando a distintas empresas por actuacións inconexas”.

Olga Louzao afirmou ademais que “a páxina web do Concello debe servir para que os cidadáns poidan realizar trámites sen saír da súa casa e non só para colgar as fotos dos saraos aos que vai a alcaldesa”. Neste sentido, botou man dun informe presentado recentemente pola Asociación de Internautas sobre a utilidade das páxinas web dos distintos concellos do Estado que indica que Lugo está á cola na tramitación dixital, entre as 11 cidades do Estado que menos trámites a través da súa web permite facer, en concreto menos de 30, tres veces menos que a media do resto de cidades.

Sen orzamento nin previsións para rematar as obras da Praza de Abastos

Da reforma prevista na Praza de Abastos quedou sen acometer a remodelación da planta baixa e tampouco se melloraron os servizos, que se atopan en moi mal estado. No caso da outra das obras fundamentais do Plan Urban, o Vello Cárcere o edificio vaise abrir tamén sen estar rematado, pois faltan por facer os baños da planta baixa e quedan sen rehabilitar os torreóns, aos que se lles van poñer unhas portas provisionais para pechalos, ao igual que o espazo onde deberían ir os servizos e o montacargas que debía dar servizo ao escenario do salón de actos.

A Praza e o Vello Cárcere suman o 60% do total investido no Urban, en concreto 4,2 millóns de euros no caso do novo centro cultural e 1,8 millóns de euros o Mercado e a Praza de Quiroga Ballesteros e eran os dous “proxectos estrela” do Plan, un proxecto iniciado no ano 2010 con diversas actuacións de reforma urbana no entorno do casco histórico e dotado cun orzamento toal de 10 millóns de euros, dos que o 80% (8millóns de euros) procedían de fondos Feder Europeos e os restantes 2 millóns foron aportados polo Concello e a Deputación Provincial. Bruxelas fixa como data límite para a xustificación dos fondos recibidos, e polo tanto deben estar en funcionamento as distintas actuacións para esa data, o día 31 deste mes, pero tanto no Vello Cárcere como na Praza de Abastos quedarán, para entón, sen rematar, á espera de que o Concello orzamente as obras pendentes con fondos propios, que no caso da Praza de Abastos estímase que o importe das actuacións pendentes superará o medio millón de euros.