Olga Louzao explica que o Goberno municipal acaba de contratar por 8.792 euros o peche do oco onde debería ir o montacargas para dar servizo ao escenario do auditorio do Vello Cárcere, onde tamén serán tapiados os torreóns e os baños da planta baixa     

 

Na Praza de Abastos quedou sen reformar a parte de abaixo e os servizos. Ciudadanos explica que nestes dous proxectos gastáronse 6 millóns de euros e quedarán “a medias”  

 

Lugo, 9 de marzo de 2017. A tres semanas de que expire o prazo para a finalización do Plan Urban, dous dos seus principais proxectos, a rehabilitación do edificio do Vello Cárcere e a reforma da Praza de Abastos, están “a medias” e o Goberno municipal do PSOE decidiu “tapar o que falta por facer para que non se vexa”, segundo denunciou esta mañá a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao.

O Vello Cárcere e a reforma da Praza de Abastos eran os dous “proxectos estrela” do Plan Urban, un proxecto iniciado no ano 2010 con diversas actuacións de reforma urbana no entorno do casco histórico e dotado cun orzamento toal de 10 millóns de euros, dos que o 80% (8millóns de euros) procedían de fondos Federce Europeos e os restantes 2 millóns foron aportados polo Concello e a Deputación Provincial. Bruxelas fixa como data límite para a xustificación dos fondos recibidos, e polo tanto deben estar en funcionamento as distintas actuacións para esa data, o día 31 deste mes, pero tanto no Vello Cárcere como na Praza de Abastos quedarán sen rematar.

O Goberno municipal ten previsto abrir o Vello Cárcere sen estar rematado, segundo revelou hoxe o grupo municipal de Ciudadanos, tal como consta nun informe do Servizo de Arquitectura. “Tal como consta nese informe, o edificio vaise abrir sen estar rematado, pois faltan por facer os baños da planta baixa e quedan sen rehabilitar os torreóns, aos que se lles van poñer unhas portas provisionais para pechalos, ao igual que o espazo onde deberían ir os servizos”, explica Olga Louzao. Para estas obras “falta consignación orzamentaria”, indícase no informe de Arquitectura, polo que quedarán pendentes para exercicios económicos vindeiros e terán que executarse con fondos do Orzamento municipal e á marxe do Urban. Tampouco se vai instalar o elevador que debería dar servizo ao escenario do salón de actos, polo que “unha das salas principais do edificio vai quedar inutilizada para boa parte das actividades, en concreto, todas aquelas que precisen da instalación de elementos no escenario”, denuncia Ciudadanos, nin estará en servizo a cafetería situada na última planta do edificio.

No caso da outra das obras fundamentais do Plan Urban, a reforma da Praza de Abastos, quedou sen acometer a remodelación da planta baixa e tampouco se melloraron os servizos, que se atopan en moi mal estado. A Praza e o Vello Cárcere suman o 60% do total investido no Urban, en concreto 4,2 millóns de euros no caso do novo centro cultural e 1,8 millóns de euros o Mercado e a Praza de Quiroga Ballesteros.

8.792 euros para tapar o que non se vai facer

 

A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que o Goberno municipal rescindiu onte en Xunta de Goberno o contrato dunha das empresas adxudicatarias das obras pendentes, en concreto Terrauga Proyectos y Obras SL, á que se lle encargou o pasado 24 de agosto dentro das obras pendentes da fase 2 a colocación dunha plataforma hidráulica para dar servizo ao escenario do salón de actos, un dos espazos principais do novo centro cultural que albergará o edificio. O contrato para a realización destes traballos, por importe de 84.618 euros, foi asinado o 7 de outubro e o prazo de execución remataba o día 8 de decembro, pero unha parte das obras non serán executadas porque a empresa solicitou un modificado do proxecto de instalación do montacargas para o escenario que implicaba un sobrecusto e unha ampliación dos prazos que os técnicos municipais do servizo de Arquitectura non aceptaron por considerar inxustificado.

 

Dado que a Unión Europea fixa como prazo límite para que o edificio do Vello Cárcere estea operativo o vindeiro 31 de marzo e non dá tempo a contratar de novo os traballos pendentes, o Goberno de Lara Méndez decidiu renunciar a acometer o que falta e adxudicar un contrato menor á empresa Portosar Galicia SLU por importe de 8.792 euros para “peche dos ocos da plataforma elevadora non instalada”. Deste xeito, afirma Olga Louzao, o Goberno de Lara Méndez pretende “tapar a súa incompetencia”.

As présas de última hora: 12 contratos por importe de 50.000 euros

 

Desde comezos de marzo o Goberno municipal trata de contratar a toda presa os traballos pendentes. De feito, en só 9 días leva adxudicados unha ducia de contratos por importe de 50.717 euros. Entre outros traballos adxudicados atópase o peche dos ocos da plataforma elevadora (8.792 euros), a limpeza e protección da albardilla e pedra dos remates dos torreóns (11.579 euros), o pintado das barandas de seguridade dos corredores do edificio (2.690 euros), a conexión de fibra óptica do edificio (8.968 euros), a adquisición de placas de sinalización (1.319 euros), e a adquisición de mesas con rodas (4.090 euros), mesas con taboleiro abatible (2.432 euros), armarios metálicos para a zona de arqueoloxía (3.030 euros), espellos de aseos (980 euros) e 4 dispensadores de fundas de paraugas (3.059 euros).

Para facer fronte a estes gastos a concelleira de Economía, Ana Prieto, asinou nas últimas semanas 5 modificacións de crédito por importe total de 88.500 euros para xerar fondos para contratar estes traballos e subministros. Viuse obrigada a aprobar mediante decreto estas modificacións puntuais de crédito ao non ter Orzamento aprobado en 2017 cos que facer fronte a estas obrigas e ter que traballar co orzamento de 2016 prorrogado.

 

En risco 4 millóns de euros aportados pola UE para o edificio

 

A obra do Vello Cárcere comezou en febreiro do ano 2012 e desde entón foi un proceso con moitos contratempos, como a entrada en concurso de acredores da empresa adxudicataria, pero tamén “con moitos paróns e retrasos inxustificados, como consta nun recente informe de Arquitectura, que di que as obras estiveron paradas sen xustificación algunha durante todo un ano, de mediados de 2015, coincidindo coa chegada de Lara Méndez á alcaldía, até finais de 2016”, explica Olga Louzao, que acusou ao Goberno municipal socialista de “despreocupación e falta de dilixencia nesta obra durante anos” e advertiu de que “a pasividade e parsimonia deste Goberno pode saír moi cara á cidadanía de Lugo”.

Ciudadanos alerta do risco de que se perdan 4 millóns de euros de fondos europeos do Plan Urban investidos na reforma do edificio se o novo centro cultural non está en funcionamento o vindeiro 31 de marzo e o investimento dos fondos recibidos “debidamente xustificados diante da Unión Europea”.

A máxima responsable do Urban, premiada con 2.500 euros de productividade

 

Ciudadanos explica que a gran fichaxe de Orozco no ano 2008 para a xestión do Plan Urban de Lugo, Blanca Cañal García, foi apartada mediante decreto o pasado 27 de xullo de 2016 da xestión dos proxectos pendentes no Vello Cárcere. Sen embargo, explica o grupo que dirixe Olga Louzao, a alcaldesa Lara Méndez prorrogoulle o contrato até marzo, polo que cobra 3.308,78 brutos ao mes, igual que un xefe de servizo. A maiores deste salario de 46.322,92 euros anuais, o Goberno municipal incluíu á directora do Urban no decreto de produtividade de funcionarios do ano 2016 cun dos importes máis elevados, 2.510 euros, algo que non entende o grupo de Ciudadanos. “A produtividade é un concepto que se paga aos funcionarios por cumprimento de obxectivos no desempeño do seu cargo. Preguntámonos que obxectivos cumpriu esta persoa cando foi apartada da xestión por estarmos a piques de perder os fondos europeos que tiña encomendado xestionar e para o que foi contratada”, pregúntase Olga Louzao.

 

“O despropósito do Urban debe servir de escarmento para os demais proxectos europeos que están en marcha”

 

A voceira de Ciudadanos no Concello afirma que “o Urban e todo o proceso de como se levou a cabo a súa execución, que foi caótica, ten que servir de escarmento e reflexión para os novos proxectos europeos que se van iniciar”. Ciudadanos pon como exemplo o programa Muramiñae, que quere que sexa “un proxecto de todos os lucenses”. “Este é un deses proxectos de cidade que ten que contar coa implicación e o consenso de todos”, defende Olga Louzao, que lembra que “no momento de ser solicitado xa contou co respaldo unánime no Pleno dos 25 membros da corporación municipal”.

 

O Muramiñae é un proxecto medioambiental financiado con fondos europeos que pretende a conexión da Muralla co río Miño a través do Carme. O proxecto xordiu a raíz dunha iniciativa presentada polo grupo de Ciudadanos e foi incluído na Estratexia EDUSI, aprobada polo Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas cun importe total de 12,5 millóns de euros, financiado nun 80% (10 millóns de euros) con fondos Feder europeos e nun 20% (2,5 millóns de euros) con aportacións propias do Concello de Lugo. A totalidade do Orzamento está repartido en 7 exercicios económicos, desde o ano 2016 ao ano 2022, ambos incluídos, polo que Olga Louzao solicita “que o Goberno municipal se poña a traballar de inmediato para que non nos colla o tren, como está a pasar co Urban”. A voceira de Ciudadanos pide ao Goberno municipal “axilidade e máxima dilixencia na definición das actuacións a levar a cabo dentro do Muramiñae e o inicio canto antes dos traballos.