Olga Louzao propón a reducción dos dous carris de circulación actuais a un único carril, a introdución de buses eléctricos e a ampliación das beirarrúas
Ciudadanos considera “perigoso” a convivencia de bicicletas e coches nun mesmo carril e propón crear un carril bici exclusivo para ciclistas
Lugo, 6 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos pide ao Gobeno muncipal que dea máis pasos que vaian encamiñados a avanzar cara a peonalización da Ronda da Muralla. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, considera “insuficientes” as medidas adoptadas polo Goberno socialista e que se comezarán a implantar a partir de hoxe e que tacha de “meramente propagandísticas pero pouco efectivas”.
“Non chega con cambiar os sinais de 50 da Ronda por sinais de 30, porque cambiar simplemente o límite de velocidade sen tomar outro tipo de medidas complementarias o único que vai facer é aumentar o caos circulatorio na Ronda pero non cambiar hábitos”, afirma Olga Louzao, que considera necesario “adoptar medidas que reduzan o uso do coche no centro e dar alternativas aos condutores que teñen que usar o seu vehículo privado para que tomen outros itinerarios nos seus desprazamentos que eviten o paso pola Ronda da Muralla”.
Ciudadanos é partidario de actuar “con valentía” sobre a Ronda da Muralla co obxectivo de que deixe de ser “a rontonda máis grande de Europa” e se convirta “nun verdadeiro espazo para os peóns, as bicicletas e o transporte público, como se merece o entorno dun monumento Patrimonio da Humanidade”. Para iso proponlle á alcaldesa Lara Méndez “que non quede na foto dos sinais 30 e siga dando pasos”.
En primeiro lugar, afirma Olga Louzao, hai que crear itinerarios que permitan aos condutores non pasar pola Ronda, algo “pouco factible a día de hoxe”. A continuación, Ciudadanos propón reducir os dous carrís actuais de circulación a un só carril. “De facto foi o que aconteceu durante as semanas que os tractores estiveron aparcados na Ronda da Muralla”, argumenta Olga Louzao.
Crear un verdadeiro carril bici
Deste xeito, liberando un carril de circulación, sería posible ampliar as beirarrúas, actualmente moi estreitas, para gañar espazo para os peóns e habilitar un carril bici específico para ciclistas, xa que Ciudadanos considera “moi perigosa” a proposta do Goberno municipal de que bicicletas e coches convivan nun dos actuais carrís de circulación. “Os propios informes técnicos do servizo de Enxeñería municipal advirten de que esta medida está no límite do viable ao superar a Ronda da Muralla ratios de máis de 5.000 vehículos por día”, explica a voceira de Ciudadanos.
Buses electricos arredor da Ronda
Ciudadanos propón tamén cambiar o sistema de transporte público de maneira que as liñas non pasen na súa grande maioría pola Ronda da Muralla, como acontece na actualidade. A proposta de Ciudadanos sería establecer arredor da Ronda un bus eléctrico que faría as funcións de intercambiador para o resto de liñas, que desta maneira non se verían obrigadas a circular pola Ronda e reducirían a distancia que percorren, gañando deste xeito en puntualidade.
Olga Louzao lembra que o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo no ano 2009 a Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona xa apostaba por esta solución e afirma que “a remodelación do bus urbano que ten que poñerse en marcha nos vindeiros meses segundo se recolle no contrato da actual concesión é a oportunidade para adoptar este novo modelo”.
“O que se crea non é unha zona 30”
A voceira de Ciudadanos insiste tamén en que “tal e como deixa claro o propio informe de Enxeñería municipal, o que o Goberno propón para a Ronda da Muralla non é unha zona 30, é simplemente unha reducción da velocidade a 30 quilómetros por hora, xa que crear unha zona 30 implica que os peóns teñen prioridade sobre os coches, algo que non vai acontecer na Ronda, onde non está permitido aos peóns circular pola calzada, que segue reservada para vehículos”.