Entre os servizos en situación irregular están os museos municipais, a grúa, as ociotecas, o 010, o alumeado público, a depuradora e a potabilizadora, a Casa da Xuventude, a Casa da Música, a limpeza dos colexios e as dependencias municipais e a recollida de animais abandonados
Olga Louzao explica que o Goberno local mantén caducados perto de 20 contratos de servizos públicos por importe de máis de 8 millóns de euros e acusa a Lara Méndez de poñer en risco a estabilidade económica do Concello
Lugo, 7 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos revelou hoxe que a alcaldesa, Lara Méndez, acaba de ordenar o pago por decreto de 1,2 millóns de euros en facturas sen contrato, aos que o Interventor municipal puxo reparos de legalidade por tratarse de servizos caducados ou sen contrato que incumpren, polo tanto, a lexislación nesta materia.
A portavoz de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, explica que o decreto, asinado por Lara Méndez o pasado venres, “ven a constatar que a situación dos contratos caducados do Concello de Lugo lonxe de mellorar, empeora cada día”. Este novo pago con reparos de legalidade súmase ao recoñecemento estraxudicial de crédito que o equipo de Goberno levou a semana antes ao pleno do mes de febreiro por importe de 1,9 millóns de euros, a meirande parte facturas eléctricas de anos atrás sen revisar nin conformar.
Olga Louzao Louzao afirma que “a situación de descontrol económico do Concello alcanzou límites inaceptables e a propia Xunta de Galicia advertiu recentemente ao Concello de Lugo que o incumprimento reiterado no prazo de pago a proveedores, que estaba cando chegou Lara Méndez á alcaldía en 19 días e sitúase a día de hoxe en 108 días, causado en boa medida pola acumulación de contratos caducados, pode levar ao Concello de Lugo a deixar de recibir transferencias do Estado”. Louzao explica que a aportación estatal supuxo o pasado ano 20 millóns de euros polo que acusou a Lara Méndez de “poñer en risco a estabilidade económica do Concello e a suficiencia das arcas municipais”.
Ciudadanos indica que o Concello de Lugo ten externalizados medio cento de servizos por importe duns 27 millóns de euros anuais, o que representa case un terzo do Orzamento Municipal. Dese medio cento de contratos, o Goberno municipal mantén neste momento perto de 20 contratos caducados, por importe de máis de 8 millóns de euros anuais. Entre outros, xa non se atopan en vigor servizos como a atención ao público nos museos municipais, a docencia na escola infantil de San Fiz, a limpeza dos colexios públicos e das dependencias municipais, o mantemento da potabilizadora e a depuradora, as ociotecas, o mantemento das aplicacións informáticas do Concello, as actividades de xuventude, o mantemento do alumeado público, a grúa, a publicidade das marquesiñas do bus, os monitores dos comedores e das actividades extraescolares, o servizo de atención telefónica 010, a Casa da Música, a Casa da Xuventude ou a animación socioculturais nos centros sociais municipais.
A recollida do lixo, por importe de 7,2 millóns de euros, caduca o 31 de marzo
A eles sumaráse a finais deste mes o contrato da recollida do lixo, unha concesión vixente desde 1996 que caduca o 31 de marzo deste ano. Olga Louzao indica que “o Goberno non aprobou aínda o prego de condicións para sacar de novo a concurso este servizo malia que se trata, polo seu volume económico, 7,2 millóns de euros anuais, do contrato de maior importe dos que efectúa o Concello de Lugo”. A adxudicación inclúe ademais da recollida do lixo a limpeza viaria das rúas da cidade. Ciudadanos critica “a falta de previsión da alcaldesa, que sabía cando tomou posesión que este contrato ía caducar e sen embargo, en dous anos que leva no cargo non preparou o procedemento de licitación para telo listo nese momento”. En vista da situación actual, Olga Louzao calcula que “o Concello verase obrigado a pagar irregularmente todo este ano a recollida do lixo”.
A maiores dos contratos caducados, hai outros servizos que nin sequera dispoñen de soporte contractual, como é o caso da recollida de animais abandonados, que presta a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo sen ningún tipo de contrato. Igual acontece co subministro eléctrico municipal, que é prestado por catro compañías distintas sen que fose sacado a oferta pública o servizo, como denuncia reiteradamente o Interventor municipal nos seus informes.
Manuel Núñez e Carmen Basadre, os “campións” dos contratos caducados
Olga Louzao critica a “pasividade” do Goberno municipal en relación aos contratos caducados, e considera que “lonxe de ter mellorado a situación desde que Lara Méndez é alcaldesa, foi a pior”. Ciudadanos pídelle á alcaldesa que “poña remedio” a esta “ilegalidade na contratación pública que se converteu xa en habitual” e denuncia que “aínda que se trata dun mal que afecta a todas as áreas do Goberno os campións dos contratos caducados son Manuel Núñez e Carmen Basadre, xa que das súas áreas dependen a meirande parte dos contratos que non están en vigor”.
Sen noticias dos Orzamentos en pleno mes de marzo
A voceira de Ciudadanos indica que a situación tamén é “responsabilidade directa” da concelleira de Economía, da que depende o servizo de Contratación. “Ana Prieto tampouco ten nada de que presumir. As facturas sen pagar acumúlanse, os contratos caducados aumentan día a día e dos Orzamentos municipais nada se sabe en pleno mes de marzo”, enumera Olga Louzao. Para Ciudadanos, a xestión do Goberno municipal é “caótica e sen rumbo” e a situación económica do Concello “é fiel reflexo desa xestión”.