Olga Louzao non entende a actitude “á defensiva” de Lara Méndez neste asunto e critica que na comisión celebrada esta mañá a alcaldesa “non informara aos grupos da oposición de cales son as decisións que vai tomar o Concello” 

 

Ciudadanos segue defendendo que se esixa a responsabilidade patrimonial dos que concederon as licenzas porque “non é de recibo que os 96.000 habitantes de Lugo teñan que pagar indemnizacións millonarias derivadas dunha mala praxe política cometida, entre outros, por Orozco, Besteiro e Liñares”    

 

Lugo, 17 de xaneiro de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos ve á alcaldesa socialista, Lara Méndez, “máis preocupada por tapar a actuación dos seus antecesores, Orozco e Besteiro, no caso do Garañón que por darlle unha solución á situación creada tomando a mellor decisión para os intereses dos lucenses e lucensas”.

 

A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, non entende a actitude “á defensiva” que mostrou a alcaldesa esta mañá na comisión do Garañón e critica “que non informara aos grupos da oposición de cales son as decisións que vai tomar o grupo de Goberno a través do Concello e en nome de todos os cidadáns de Lugo en relación ás dúas sentenzas do TSXG que anulan a urbanización e a licenza de construción para a Unidade de Actuación CS-5 nas Costas do Parque”.

 

Na comisión celebrada esta mañá e en presenza dos xefes de servizo de Urbanismo e Licenzas, a alcaldesa avanzou que se solicitará un informe técnico externo, pero non quixo informar aos grupos da oposición de a quen se vai a solicitar e en que vai consistir, alegando que é algo que compete só ao equipo de Goberno. Olga Louzao considera que a alcaldesa debera “contar con todos os grupos á hora de tomar a mellor decisión para os intereses dos lugueses e luguesas”.

 

Ciudadanos pedirá “responsabilidade patrimonial” dos que concederon a licenza

 

A voceira de Ciudadanos reiterou tamén que o seu grupo segue mantendo que é necesario reclamar a “responsabilidade patrimonial” dos políticos que concederon a licenza para construír nas Costas do Parque en caso de que o Concello teña que facer fronte a “indemnizacións millonarias” como consecuencia das sentenzas do TSXG que declaran nula tanto a aprobación do proxecto de urbanización da Unidade de Actuación CS-5 como a concesión da licenza para a construción na parcela dos coñecidos como os edificios do Garañón.

 

Olga Louzao considera que “estas sentenzas poden derivar no pago de indemnizacións millonarias por parte do Concello de Lugo e hipotecar a economía municipal durante décadas”. “Polo tanto –avanzou– se estas indemnizacións se producen estudaremos a posibilidade de solicitar a responsabilidade patrimonial dos que coa súa actuación provocaron estes prexuizos ás arcas públicas”, anunciou. Ciudadanos considera que “non é de recibo que os 96.000 habitantes de Lugo teñan que facer fronte economicamente ás consecuencias derivadas dunha mala praxe dos políticos que concederon esas licenzas, entre outros Orozco, Besteiro e Liñares”.

 

Ciudadanos non é partidario de “recurrir por recurrir”

 

Ciudadanos quere que Lara Méndez, aclare se ten pensado acatar estas sentenzas ou, pola contra, recurrilas, así como o alcance das indemnizacións ás que habería que facer fronte e repróchalle á alcaldesa socialista que non o fixese na comisión celebrada esta mañá sobre este asunto.

 

O grupo municipal de Ciudadanos considera que “só se deben recurrir estas sentenzas ante o Tribunal Supremo se existen fundamentos xurídicos que avalen esta decisión”, En ningún caso, indican, como unha “estratexia política da actual alcaldesa para escurrir o bulto e chegar ao final do mandato sen afrontar o problema e darlle unha solución porque o único que xeraría con esa decisión é máis gasto, ao incrementar a indemnización a pagar, ademais de manter o adefesio da actual estrutura do edificio sen rematar”. Ciudadanos espera que Lara Méndez “non pretenda escapar do problema” e lembra que “foi xerado polo seu partido, no que seguen militando o señor Orozco e o señor Besteiro, que adoptaron decisións cando menos discutibles e das que ela en ningún momento renegou”.

 

Unha tripla responsabilidade

 

Os políticos, en tanto que xestores públicos e representantes da cidadanía, están sometidos, no exercicio dos seus cargos, a unha tripla responsabilidade: penal, política e patrimonial. Mediante a responsabilidade penal, o político responde ante a xustiza pola súa conduta delituosa, asumindo, no seu caso, as penas que correspondan ao delito que cometese. A través da responsabilidade política, o político responde ante o seu partido, ante a institución pública á que pertence e ante os cidadáns que o votaron, pola ilícita actuación na súa xestión, xa sexa esta culpable ou meramente neglixente, e faio, nalgúns casos, mediante a simple dimisión do cargo que ostenta.

 

Pero existe outra responsabilidade, que é a responsabilidade patrimonial. Consiste na obriga que ten o xestor público de responder, a título individual, ante a institución que representa (Concello, Comunidade, Goberno central, etc), indemnizándoa co seu patrimonio persoal, cando no exercicio do seu cargo a prexudique economicamente.

 

A Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas establece no artigo 145 que a Administración pode instruír un procedemento de esixencia de responsabilidade patrimonial persoal “ás autoridades e demais persoal ao seu servizo polos danos ou prexuízos causados nos seus bens ou dereitos cando concorrese dolo, culpa ou neglixencia grave”, indicándose no artigo 145.2 que unha vez satisfeita por parte da Administración a indemnización que proceda, esta esixirá “de oficio” o seu reintegro ás autoridades ou funcionarios causantes, previa instrución do procedemento que regulamentariamente se estableza e que debería ser aprobado polo Pleno.

 

Tamén a Lei Orgánica do Tribunal de Contas dispón, no seu artigo 38, que o político que por acción ou omisión contraria á Lei orixine o menoscabo dos caudais ou efectos públicos, quedará obrigado á indemnización dos danos e prexuízos causados.