Olga Louzao considera o programa (Con)trato Feito “un pago de favores con cartos públicos que roza a ilegalidade”

Ciudadanos (C’s) esixe ao Goberno municipal “que sexa escrupuloso á hora de esixir ás empresas e asociacións beneficiarias garantías do cumprimento dos obxectivos fixados á hora de pedir a subvención así como das labores que desempeñan os traballadores contratados”

Lugo, 16 de xaneiro de 2017. A voceira de Ciudadanos (C’s) no Concello de Lugo, Olga Louzao, tachou esta mañá de “caciquismo 2.0” e “carreteo moderno de votos” o Plan de Emprego Municipal posto en marcha polo Goberno da socialista Lara Méndez. Louzao pon en dúbida que este programa, denominado (Con)trato Feito, vaia servir para “fomentar e consolidar a creación de emprego de calidade na cidade de Lugo” e afirma que “o verdadeiro obxectivo do Goberno local con este plan é o pago de favores a amigos e asociacións afíns con cartos públicos”, unha actuación que considera que “roza a ilegalidade” ao tratarse de “contratacións de traballadores con cartos públicos por parte de empresas e asociacións”.

Ciudadanos (C’s) xa se manifestou desde o principio disconforme con esta maneira de repartir 1,2 millóns de euros do Orzamento municipal e esixe ao Goberno de Lara Méndez “que sexa escrupuloso e extremadamente vixiante á hora de esixir ás empresas e asociacións beneficiarias o cumprimento estrito dos obxectivos fixados á hora de pedir a subvención así como das labores que van desempeñar os traballadores contratados”. Ciudadanos (C’s) esíxelle “control deses cartos públicos, que son de todos os lugueses, no fomento do emprego e non para outros fins”.

Olga Louzao denuncia que o propio interventor municipal pon reparos a este Plan de Emprego indicando que non cumpre coa Lei de Subvencións e que o Concello non se dotou nas bases de mecanismos para controlar o cumprimento efectivo das mesmas, ao incluirse este Plan de Emprego dentro do Plan de Subvencións do Concello de Lugo como “axudas a empresas e entidades do territorio para a contratación de traballadores desempregados do municipio” baixo a fórmula de concurrencia competitiva pero sen fixar “obxectivos concretos, directrices específicas nin parámetros claros”, segundo denuncia Ciudadanos (C’s).

O “Ben Enchufado” e o “(Con)trato a dedo”

A voceira de Ciudadanos (C’s) afirma que o Goberno de Lara Méndez “confunde unha vez máis gastar con investir” á hora de poñer en marcha este Plan de Emprego e dubida do seu éxito, porque “ten o mesmo funcionamento que o Plan de Emprego da Deputación, que vai xa pola cuarta edición e que non serviu para reducir o paro na provincia”.

Olga Louzao achaca a estes plans de emprego “o seu criterio discrecional” e renomea ao dependente da Deputación como “Ben Enchufado” e ao do Concello como “(Con)trato a dedo”. Denuncia ademais que “moitos dos beneficiarios dun e doutro plan son os mesmos”, tanto no caso de empresas como de asociacións, entre as que destaca “o entramado da Federación de Veciños que dirixe Jesús Vázquez”. Neste sentido, a voceira de Ciudadanos (C’s) pregúntase “para que quere a asociación de veciños San Isidro da Piringalla unha enquisadora e a Federación de Veciños un xefe de equipo de enquisas?”.