A proposta presentada polo Goberno de Lara Méndez non prevé a municipalización de ningún servizo e segue “desmantelando” departamentos polo que “non vai acabar coas externalizacións senón que as vai incrementar”

Xesús Expósito opina que “moito ten que mellorar o documento antes de ser aprobado”    

Lugo, 9 de xaneiro de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos (C’s) considera “moi pouco ambiciosa” a proposta de Relación de Postos de Traballo presentada polo Goberno da socialista Lara Méndez e afirma que “moito vai ter que mellorar o documento antes de ser aprobado”. De cara á reunión de mañá da Mesa Xeral de Negociación cos sindicatos, Ciudadanos (C’s) pídelle á alcaldesa que considere o documento presentado “un simple borrador inicial a partir do cal comezar a traballar” e non “un documento final e definitivo que levar a aprobación”.

O concelleiro de Ciudadanos (C’s) Xesús Expósito afirma que “a RPT presentada non deseña un Concello do século XXI, senón que mantén a estrutura organizativa do século pasado, cunha distribución e estruturación de servizos que vén dos anos 90, hai case 30 anos”. Do mesmo xeito, opina que “os criterios para crear servizos, seccións, negociados e mesmo oficinas específicas non están claros”.

“O deseño administrativo que se propón non resolve os problemas estruturais da Administración local de Lugo, xa que a maioría das deficiencias, disfuncións e a falta de persoal que hai en moitos departamentos quedan sen solucionar”, afirma Ciudadanos (C’s). Expósito denuncia os casos do servizo de Licenzas, un dos que máis demora e retrasos acumula, que pasa unicamente das 9 prazas actuais a 10, ou o servizo de Facenda Local e Inspección Tributaria, que mantén o mesmo número de efectivos (19) dos que só 5 estarán destinados a Inspección Tributaria (tres técnicos, un axente inspector e un auxiliar administrativo).

“Este é un dos servizos que habería que reforzar axeitadamente, primeiro porque iso permite reducir a fraude e a morosidade no pago de impostos e taxas municipais e ademais porque iso posibilita que o Concello poida obter máis ingresos”, indica Xesús Expósito, que pon como exemplo do que habería que ter feito outros departamentos que si que se reforzan, como é o caso de Informática, que pasa de 12 a 22 traballadores ou Cultura, que pasa de 7 a 10 persoas, para atender as necesidades nestas dúas áreas, dunha banda as derivadas da dixitalización e informatización dos trámites e procedementos e doutra a organización de actividades como o San Froilán, o Arde Lucus ou a programación cultural anual.

A Asesoría Xurídica segue minguando

Chamativo é tamén o caso doutros servizos básicos para o funcionamento diario do Concello, como é o caso da Asesoría Xurídica ou Actas, que son dous servizos que están neste momento baixo mínimos e que motivou que tiveran que ser reforzados con contratacións externas. No caso da Asesoría Xurídica, perde un letrado en relación á plantilla actual, xa que a RPT prevé 4 persoas (un letrado asesor, un adxunto ao letrado, un técnico medio e un auxiliar administrativo), cando na plantilla actual hai, ademais do xefe da asesoría xurídica, 5 prazas (tres letrados, un técnico medio e un auxiliar administrativo), aínda que están vacantes as tres prazas de letrado. Outro tanto acontece co servizo de Actas, que perde unha praza con respecto á plantilla actual, formada por 10 persoas, das que dúas están vacantes, e que pasa a 9 efectivos. Ciudadanos (C’s) considera isto “algo inconcebible tendo en conta que as necesidades nestes dous ámbitos aumentan e que houbo que contratar reforzos por importe de 60.000 e 11.000 euros anuais respectivamente”.

Non se prevé a municipalización de ningún servizo

Asemade, Ciudadanos (C’s) afirma que “a proposta presentada polo Goberno de Lara Méndez segue desmantelando servizos e non corrixe as eivas e deficiencias estruturais que arrastran moitas das dependencias municipais actuais, polo que lonxe de acabar coas externalizacións de servizos vai incrementalas”. Neste sentido, Xesús Expósito denuncia que “non se prevé a municipalización de ningún servizo sobre os que hai mesmo acordos plenarios adoptados neste sentido, como é o caso da ORA ou do guindastre municipal”. Tampouco se aposta de maneira decidida e co persoal necesario por que o servizo de augas sexa 100% municipal.

Non se restrutura a Policía Local

A RPT tampouco acomete melloras substanciais en dous dos corpos principais dependentes da Administración local, os que teñen que ver coa seguridade cidadá. De feito os Bombeiros e a Policía Local practicamente non se reforzan, pois só se crean dúas prazas de bombeiros con respecto ás actuais, pasando de 54 a 56, e só 5 na Policía Local, pasando de 144 efectivos a 149, tendo en conta ademais que unha boa parte destas prazas atópanse vacantes neste momento. No caso da Policía Local ademais, Xesús Expósito afirma que “a RPT non reestrutura á Policía Local para facer dela un corpo útil, moderno e próximo ao servizo dos cidadáns”.

Segue sen apostarse pola Escola de Música

Finalmente, Ciudadanos (C’s) mostra a súa preocupación pola situación da Escola de Música, na que os seus traballadores están afectados por unha recente sentenza do TSXG. Xesús Expósito explica que “a Escola de Música é un servizo moi demandado, que atende a 700 persoas, moitos deles nenos e nenas, e para a que hai en lista de espera outras 400 persoas” e considera que “é un servizo público polo que habería que apostar, ampliando as instalacións e tamén o persoal para poder atender a toda a demanda existente”. Sen embargo, denuncia Expósito, o número de traballadores non se amplía e queda nos 25 membros da plantilla actual da banda.