Olga Louzao afirma que “pouco efecto surtiu a carta que a alcaldesa lle mandou a Feijóo” e critica tamén a actitude de Jaime Castiñeira, “máis preocupado por xustificar os incumprimentos da Xunta con Lugo que por defender en Santiago as necesidades dos veciños e veciñas da súa cidade”
Ciudadanos critica que non haxa “nada concreto para o Cuartel de San Fernando, a Ronda Leste, o novo centro de saúde do barrio da Residencia ou novas escolas infantís”
Lugo, 5 de novembro de 2016. Ciudadanos considera “decepcionantes” os Orzamentos da Xunta de Galicia para a cidade de Lugo e considera “insuficientes” as partidas destinadas polo Goberno galego, “que non inclúen necesidades pendentes desde hai anos”.
Neste sentido, a voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, bota en falla fondos para a Ronda Leste, de competencia autonómica e atascada desde hai máis dunha década e que permitiría enlazar a estrada da Fonsagrada coa N-VI na Tolda completando deste xeito a terceira ronda da cidade.
“Tampouco hai nada concreto para o antigo Cuartel de San Fernando”, explica Olga Louzao, que pide que se retome a proposta de Ciudadanos de facer un colexio público nese inmoble. “Xa que a Xunta non ten pensado facer o Museo da Romanización, que faga un colexio”, razoa a voceira de Ciudadanos.
Do mesmo xeito, Olga Louzao critica que non se inclúa ningunha partida para facer un novo centro de saúde no barrio da Residencia nos terreos e edificios que ocupaba o antigo hospital Xeral, abandonados desde o ano 2010 coa entrada en funcionamento do novo hospital.
Ciudadanos demanda tamén do Goberno galego novas escolas infantís na cidade de Lugo. “Feijóo anunciou na súa investidura que o aumento da natalidade e a conciliación serían dúas liñas básicas do seu Goberno neste mandato e agora que vai ser pai entenderá a importancia de contar con dotacións públicas que favorezan estas políticas, que son competencia autonómica. Na cidade de Lugo a Xunta ten só 2 escolas infantís, que non son capaces de acoller toda a demanda existente”, argumenta Olga Louzao.
“Carteo improdutivo” de Lara Méndez e un Jaime Castiñeira “en fuga”
Olga Louzao critica o “carteo improdutivo” da alcaldesa, Lara Méndez, co presidente da Xunta. “Pouco efecto surtiu a carta que a alcaldesa lle mandou a Feijóo e pouco peso ten a alcaldesa e este Goberno municipal e pouca capacidade de presión e negociación coas súas queixas e lamentos continuos”, opina Olga Louzao.
Asemade, a voceira de Ciudadanos ve ao voceiro do PP no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, “en fuga cara Santiago” e “máis interesado e preocupado por xustificar a falta de concreción das partidas da Xunta para Lugo que por defender os intereses cos veciños e veciñas que o votaron”.
Ciudadanos pide a PP e PSOE que “poñan fin ao continuo partido de pinpon entre a Xunta e o Concello a costa dos intereses de todos os lugueses e luguesas”.