Olga Louzao afirma que hai rúas pouco iluminadas e zonas interiores do campus polas que pasan os estudantes sen apenas luz ou en penumbra

Ciudadanos considera que “moitas rapazas estudantes teñen medo e séntense inseguras, máis aínda neste momento no que se investiga a actuación dun violador na zona”    

Lugo, 22 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos pide a mellora da iluminación no campus universitario de Lugo e no seu entorno. A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, afirma que hai rúas mal iluminadas e lugares sen apenas luz ou en penumbra dentro do campus polos que se ven obrigados a pasar os e as estudantes para acudir ás distintas facultades.

Louzao considera que “no momento actual, no que hai certa sensación de inseguridade, alerta social, e psicosis colectiva a raíz da aparición dun violador que actuou na zona recentemente, faise máis necesario ca nunca o incremento e mellora da iluminación como un dos principais elementos disuasorios neste tipo de actuacións delictivas”.

Ciudadanos faise eco deste xeito do temor trasladado por numerosas estudantes, que teñen medo a ir a clase e séntense inseguras á hora de acudir ás distintas facultades nas que estudan. O temor increméntase neste tempo, no que anoitece moi cedo, porque xa é de noite cando rematan moitas das clases.

Medidas de carácter urxente

Ciudadanos é consciente de que se trata dunha “zona extensa con zonas verdes intercaladas e rúas e avenidas amplas”, polo que pide “que se faga un estudo das áreas e rúas susceptibles de mellora lumínica, así como do xeito de acometela”. Entretanto, Ciudadanos pide que se revise se hai luminarias fundidas ou estropeadas, que incremente a potencia dalgunhas lámpadas e se reforce con novos puntos de luz se é necesario, os itinerarios máis transitados dentro do campus e das rúas adxacentes.