Ciudadanos propón que a unidade administrativa de sancións dependa da área económica do Concello e o seu responsable sexa un funcionario de administración xeral

Xesús Expósito afirma que “os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis senón na rúa patrullando”    

Lugo, 18 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos pide á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que non cometa de novo o “erro” de volver nomear a un inspector de Policía Local como instrutor dos procedementos sancionadores en materia de tráfico, despois de que a alcaldesa retirara onte mediante decreto as funcións que actualmente desempeñaba un auxiliar de policía como responsable da Unidade Administrativa de Sancións.

O concelleiro de Ciudadanos, Xesús Expósito, explica que “a Unidade Administrativa de Sancións foi creada en outubro de 1992 co obxectivo de tramitar as multas de tráfico e tivo desde entón 7 responsables, todos menos un adscritos á Policía Local en distintos cargos (catro inspectores, un policía e un auxiliar de policía). Só en 2009, a raíz da intervención xudicial na Policía Local no que se coñece como o caso das multas, foi situada á fronte da unidade de sancións unha persoa allea á Policía Local”, resume o Concelleiro de Ciudadanos.

Expósito pide á alcaldesa “que non cometa o erro de volver poñer a un xefe de Policía á fronte da tramitación das multas” e “saque á Unidade de Sancións da Policía Local para adscribila á área económica do Concello”. O concelleiro de Ciudadanos afirma que “ningún membro da Policía Local, nin auxiliar, nin policía nin mando, pode encargarse da tramitación e instrución de expedientes”. As funcións encomendadas aos membros da Policía Local están definidas no artigo 8 da Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia e na Relación de Postos de Traballo do Concello e “entre as súas funcións non está a de ser instrutores de expedientes sancionadores”, afirma.

Por iso, Expósito pide á alcaldesa, Lara Méndez, que “pase a unidade de sancións á área económica do Concello e nomee a un técnico de administración xeral como instrutor dos expedientes sancionadores en materia de tráfico”. Esta persoa estaría, como responsable, á fronte da unidade administrativa de sancións, “que ten moita máis lóxica que dependa de servizos como poden ser o de Recadación ou Facenda Local e non da Policía”, argumenta o concelleiro de Ciudadanos.

Sensación de “impunidade”

Expósito considera “moito máis lóxica e garantista” esta estrutura que propón Ciudadanos “para que non sexan o mesmo o denunciante e o instrutor”. “Non nos parece moi obxectivo que quen pon a multa sexa tamén quen resolve o expediente” –afirma–, así que “para evitar fallos na tramitación” Ciudadanos propón “que non se atribúan ao mesmo órgano as distintas fases do procedemento diferenciando claramente as funcións das distintas áreas”.

De feito, o Real Decreto 1368/93, que aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora indica que esta é competencia das unidades administrativas “sen que poidan ademais atribuírse ao mesmo órgano para as fases de instrución e resolución do expediente”. Coa súa proposta, Ciudadanos quere “que se saque do limbo legal no que se atopa nestes momentos a unidade administrativa de sancións” e acabar deste xeito “coa sensación de impunidade que se está creando na cidade”.

“Os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis”

Ciudadanos afirma que a actual plantilla da Policía Local ten “poucos efectivos”, polo que “non ten sentido darlles máis funcións, como son as de instruír expedientes”. Xesús Expósito considera que “a proposta que fai Ciudadanos é un xeito de optimizar a plantilla deficitaria actual da Policía Local”.

“Pensamos que os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis senón na rúa patrullando, que é o que reclama a cidadanía de Lugo, máis presenza policial na rúa ao servizo dos cidadáns e dunha maior seguridade colectiva”, afirma Expósito. Ciudadanos considera “que non é lóxico que nun turno haxa só 4 policías patrullando e 8 nas oficinas”. “A Policía Local ten que cumprir as súas funcións e os procesos administrativos corresponden ao persoal administrativo”, conclúe Ciudadanos.