O concelleiro Xesús Expósito mantivo hoxe unha reunión cos músicos da banda na que coincidiron en que “o Goberno ten na súa man deixar sen efecto a sentenza do TSXG que ameaza un servizo con máis de 700 alumnos”
Ciudadanos esixe á alcaldesa que “dea a cara” diante dos profesores da Escola de Música e lles explique “cal é a folla de ruta que vai adoptar o Goberno municipal e os prazos nos que o vai facer”
Lugo, 3 de novembro de 2016. O concelleiro de Ciudadanos, Xesús Expósito, reuniuse esta mañá cos profesores da Escola de Música ameazados pola sentenza do TSXG cos que coincidiu en que “o Goberno municipal ten na súa man a solución a este problema que afecta a máis de 700 usuarios deste servizo municipal, que conta con grande demanda e aceptación social”. “A solución é tan doada como aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo que actualice a que está en vigor, do ano 2006”, resumiu Expósito.
Tanto o concelleiro de Ciudadanos como os membros da banda municipal coinciden na estratexia a seguir para resolver o problema e en que “se o Goberno municipal tivese feito o seu traballo no último ano, desde que en outubro de 2015 se aprobou no Pleno Municipal por unanimidade elaborar unha nova RPT, hoxe non estariamos nesta situación”.
Expósito urxe ao Goberno municipal socialista a actuar en dúas vías: por un lado a presentación dun recurso de casación diante do Tribunal Supremo que evite a execución inmediata da sentenza do TSXG e, por outra banda, a aprobación antes de que remate o ano da nova RPT. “E dado que o prazo para recorrer a sentenza do TSXG remata o 14 de decembro pensamos que ese día debería estar tamén xa aprobada a nova RPT para dar deste xeito tranquilidade tanto a profesores como a usuarios en relación á continuidade da Escola Municipal de Música”, argumentou o concelleiro de Ciudadanos, unha proposta que contou coa aprobación dos membros da banda municipal.
“Que a alcaldesa dea a cara”
Os profesores da Escola de Música teñen solicitado unha reunión coa alcaldesa para coñecer de primeira man as posibles repercusións da sentenza e a forma de evitalas e Xesús Expósito considera “imperdoable” que Lara Méndez aínda non se reunira con eles. “Agardamos que a alcaldesa dea a cara diante dos afectados e lles explique cal é a folla de ruta que vai adoptar o Goberno municipal para resolver este problema e os prazos nos que o fai facer”, esíxelle o concelleiro de Ciudadanos.
A nova RPT, un dos compromisos de Lugonovo e PSOE nos Orzamentos 2016
Xesús Expósito lembrou que hai un ano, en outubro de 2015, Ciudadanos levou ao Pleno Municipal unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade para a elaboración dunha nova RPT e que unha das condicións que Lugonovo puxo ao Goberno municipal socialista para a aprobación dos Orzamentos Municipais de 2016 foi precisamente a aprobación neste ano dunha nova RPT, polo que o concelleiro de Ciudadanos pregúntalle a estes dous grupos, PSOE e Lugonovo, se aquel compromiso foi “papel mollado”.