O grupo municipal apoia as súas reivindicacións e tentará que sexan atendidas polos responsables correspondentes en cada caso

Pontevedra, 31 de maio de 2016.  No marco da súa política de encontros con todos os sectores da sociedade, a agrupación municipal de Cidadáns en Pontevedra reuniuse co sindicato Unión Federal da Policía (UFP) para coñecer a situación deste colectivo e atender as súas reclamacións co fin de tentar, na medida das súas posibilidades, axudarlles a mellorala.

Desta forma, coñeceron de primeira man cales son as principais demandas dos representantes sindicais que pasan, por unha banda, por incrementar os medios da Policía Nacional na cidade de Pontevedra. O sindicato transmitiu que nesta cidade o persoal policial ten “un déficit dun 20% sobre un catálogo obsoleto e desfasado desde hai moitos anos».

Por outro, como xa comunicaron en varias ocasións, a Policía Nacional en Pontevedra necesita equipos individuais de protección, como chalecos e luvas. Ademais, pediron colaboración para pór en marcha unha UPR (Unidade de Prevención e Reacción) na capital que dea servizo a esta cidade e a Marín, así como unha comisaría nova.

Por último, trasladaron a Cidadáns a súa petición dun complemento de territorialidade para todos os policías nacionais da provincia.

Ante este informe, Cidadáns pedirá unha reunión co Comisario Xefe para tratar estas cuestións. A este respecto, a concelleira María Rei indicou que “apoiamos as reivindicacións deste colectivo porque as consideramos de recibo tanto por temas de seguridade das persoas como para a conciliación laboral e familiar”. “O noso partido sempre se situará ao lado das Forzas de Seguridade do Estado”, engadiu.

Policía Portuaria

Igualmente, a agrupación municipal de Cidadáns mantivo a semana pasada un encontro con representantes do Sindicato Profesional de Policía Portuaria (SPPLB) de Marín que realizaron un informe detallado das súas funcións e atribucións, así como das súas necesidades laborais.

Con esta información, o grupo municipal ten previsto facer chegar unha moción ao Concello de Pontevedra para instar o Alcalde, como membro do Consello de Administración, a que se melloren as condicións materiais e de formación deste colectivo.