Ames-Sanidad-01 Ames-Sanidad-02

O voceiro municipal de C´s Ames celebra o anuncio realizado o pasado venres polo presidente de Xunta pero pide que sexa “en firme e responsable”

Ames, martes 1 de marzo de 2016.- O voceiro de Cidadáns no Concello de Ames, Javier López, vén de celebrar o anuncio realizado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núnez Feijoo, da construción dun novo centro de saúde en O Milladoiro pero pide que este sexa unha resolución “en firme e responsable e non unha mera declaración de intencións nun ano electoral”. O xefe do Executivo galego facía este anuncio o pasado venres no decurso da inauguración da potabilizadora que dará servizo aos concellos de Ames e Brión.

Paralelamente ao anuncio do novo centro de saúde do Milladoiro, Javier López demanda que se leve a cabo “unha renovación e reforma integral dos servizos sanitarios de todo o Concello de Ames, xa que non só os veciños do Milladoiro están a demandar unha atención sanitaria de maior calidade, senón que os de Bertamiráns tamén precisan incrementalos e actualizalos de cara a satisfacer en maior grao as demandas dos usuarios”.

A mellora da atención sanitaria dos veciños e veciñas de Ames foi dende sempre unha liña de actuación e de defensa de Cidadáns Ames. Neste sentido, o voceiro de Cidadáns Ames lembra a campaña de recollida de firmas para a construcción dun novo centro de saúde no Milladoiro, “que hoxe se ve recompensada polo anuncio do presidente da Xunta”, sinala.

Javier López destaca que “dende Cidadáns Ames continuaremos reivindicando estas melloras, posto que entendemos que son xustas e necesarias de acordo co volume de poboación que temos en Ames, con máis de 30.000 habitantes”.