javierjuancho
Cidadáns de Galicia é consciente da gran importancia que ten para Galicia, a pesca, o marisqueo, a acuicultura, e sobre todo o sector mexilloeiro. Desde o noso partido cremos que todos os galegos e as súas familias que traballan e viven do mar  deben ser tratados con especial sensibilidade e proximidade polo goberno da nosa Comunidade e cremos  que ata agora, non foi así.
En datas recentes, vivimos con preocupación os problemas que xeraron no sector pesqueiro as políticas e as normativas europeas. En moitos casos, contrarias aos intereses de Galicia.
Os  desafortunados intentos dos distintos gobernos autonómicos de sacar adiante unha lei que regule a acuicultura, sen contar cos sectores implicados, como o mexilloeiro e o marisqueiro,  preocupan a numerosas familias que viven tradicionalmente do noso mar. Non debemos esquecer que, en Galicia, esta actividade é máis  un modo de vida que unha actividade económica.
A retirada do borrador da Lei de Acuicultura pola unánime e frontal oposición do sector,  é un primeiro paso para elaborar un texto que satisfaga as aspiracións e necesidades dos traballadores e as súas familias. É o momento de iniciar un diálogo que implique ás institucións e a todos os afectados e os seus representantes.
CIDADÁNS, convocou aos seus afiliados e cargos institucionais, para apoiar ao sector do mar na manifestación do próximo sábado en Santiago.