Olga Louzao explica que o custe da recollida e tratamento de lixo na cidade de Lugo ascende a máis de 10 millóns de euros ao ano e que cos ingresos por recibos só se cobren dous terzos dese custo 

 

Ciudadanos reclama medidas para aumentar o nivel de reciclaxe, que supón uns ingresos anuais de 281.000 euros, menos do 10% da factura pagada a Sogama

 

Lugo, 2 de febreiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos preguntará na vindeira Comisión polos plans do Goberno de Lara Méndez en relación ao sistema de recollida de lixo, cuxa concesión, en mans de Urbaser desde o ano 1996, remata o vindeiro 31 de marzo. “Quedan menos de dous meses para que remate o actual contrato e non se sabe nin que modelo ten pensado implantar o Goberno local nin que modificacións ten prensado facer no actual sistema de recollida”, denuncia a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao.

 

Ciudadanos considera que “é o momento de facer unha reflexión en profundidade sobre este servizo, que xunto ao servizo de abastecemento de auga, é un dos servizos fundamentais que ten que prestar un Concello e que tamén é un dos máis custosos para as arcas municipais”. En concreto, explica Olga Louzao, a recollida e tratamento de residuos custa ao Concello 10 millóns de euros ao ano, dos que 7 millóns se pagan a Urbaser e 3 millóns a Sogama, mentres que o ingresado polos recibos (6,9 millóns de euros) cubre só dous terzos dese custo.

 

O sistema actual de recollida, do que se encarga Urbaser, conta con 40 vehículos e 3.000 contedores, que pasarán a ser propiedade do Concello unha vez finalice a concesión, segundo o contrato administrativo asinado o 20 de xuño de 1996 e a ampliación de contrato realizada no ano 2007. Dos traballos de recollida de lixo e limpeza das rúas, incluído no mesmo contrato, encárganse 130 operarios pertencentes a Urbaser.

 

Ciudadanos considera que antes de tomar unha decisión en relación a que sistema de xestión se adopta a partir do 31 de marzo, se se opta pola municipalización do servizo tal como foi aprobado no Pleno, ou se volve a sacar a concurso o contrato, “é necesario saber en que estado se atopa o material e se é posible legalmente que o Concello contrate directamente a eses 130 traballadores”.

 

En caso de que o Concello descarte a xestión directa do servizo e opte de novo por un contrato cunha empresa privada para a prestación do servizo, Ciudadanos quere que o Goberno municipal aclare “a duración dese contrato e se vai haber un ou varios lotes como podería ser a zona rural, ou o casco histórico”.

 

“É necesario incrementar a reciclaxe”

 

A voceira de Ciudadanos explicou que a directiva europea de tratamento de residuos obriga a que no ano 2020 se separe e recicle como compost o 40% da materia orgánica, “algo que non se está a cumprir na cidade de Lugo”. Olga Louzao explicou que cada lugués xera unha media de 1,037 quilogramos de lixo ao día (a media estatal sitúase en 1,15) e que o ano pasado incrementouse en 390 toneladas o lixo xerado na cidade, pasando de 37.002 toneladas en 2015 a 37.391 en 2016.

 

Neste sentido, indicou que no ano 2016 o Concello de Lugo ingresou por reciclaxe de residuos 281.000 euros, o que supón tan só o 9,26% do que lle custa ao Concello a factura polo tratamento de lixo en Sogama. “Ademais dunha cuestión medioambiental, é tamén unha cuestión económica, porque canto máis se recicle máis se aforra no tratamento do lixo”.

 

A suba de Sogama para este ano custaralle ao Concello de Lugo 50.000 euros  

 

Ciudadanos tamén preguntará ao Goberno local se ten pensado repercutir no recibo dos lucenses a suba do 1,6% que vai aplicar Sogama nas tarifas para este ano, que pasan de 81,28 euros por tonelada a 82,58. A suba supón uns 50.000 euros máis a pagar polo Concello de Lugo, que o pasado ano pagou a Sogama 3.039.441 euros.

 

Sogama realizou un importante incremento de tarifas no ano 2014 e mantivera conxeladas as taxas nos dous últimos anos. Para este exercicio 2017 decidiu incrementala segundo o IPC, algo que vai repercutir nos 294 concellos galegos adheridos a Sogama.