Olga Louzao explica que “o que o Concello de Lugo vai ingresar durante os vindeiros 38 anos como canon pola concesión da Fábrica da Luz non dá nin para pagar as multas impostas pola Confederación Hidrográfica” 

 

O importe das sancións impostas ao Concello pola construción do dique no Miño ascende xa a 220.000 euros, mentres os ingresos totais para as arcas municipais nos 38 euros de concesión serán só de 207.480 euros

 

Lugo, 1 de febreiro de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, cualificou esta mañá a Fábrica da Luz de “negocio absolutamente ruinoso para o Concello de Lugo” unha vez que a Confederación Hidrográfica confirmou unha terceira sanción imposta ao Concello pola construción, por parte da empresa concesionaria, Inca, dun dique no Miño para acometer as obras de rehabilitación previstas no edificio para a súa posta en funcionamento como museo e minicentral hidroeléctrica.

 

O importe total das multas é xa de 220.000 euros (180.000 euros por construír o dique fora da zona autorizada, 35.000 por ocupación de cauce e 5.000 máis por facer a obra fóra do período de estiaxe), mentres que o canon fixado no contrato de concesión asinado no ano 2008 entre o Concello e a empresa adxudicataria, Inca, establece que Inca pagará ao Concello 455 euros ao mes como parte dos beneficios que xerará a produción de electricidade na minicentral, é dicir 5.460 euros ao ano durante os 38 anos que dura a concesión, en total 207.480 euros.

 

“O que o Concello de Lugo vai ingresar durante os vindeiros 38 anos como canon a pagar por parte da concesionaria non dá nin para pagar as multas impostas até o momento pola Confederación Hidrográfica”, resume Olga Louzao.

 

Ciudadanos considera “irrisorio” o canon fixado tendo en conta o aumento de caudal autorizado de 18.000 litros por segundo, que permitirán producir anualmente 1,8 millóns de kilovatios hora por medio dunha nova turbina cunha que a empresa ten previsto engadir ás dúas existentes e que incrementará a potencia instalada até os 264 kw.

 

As consecuencias de rescindir a concesión

 

A voceira de Ciudadanos levará a Fábrica da Luz á vindeira Comisión, para que o Goberno local dea explicacións sobre se vai ser o Concello o que pague as multas ou se ten pensado repercutir as sancións impostas pola Confederación Hidrográfica á empresa concesionaria, que é a que está realizando a obra sen axustarse aos permisos concedidos. Ciudadanos tamén preguntará ao equipo de Lara Méndez se ten pensado anular a concesión e baixo que argumentos, cal é o procedemento a seguir e en que fase está este proceso. “Queremos saber que consecuencias tería a rescisión, se habería que indemnizar á empresa polos gastos realizados desde o momento da concesión no ano 2008 e polo lucro cesante e se está cuantificada esa posible indemnización”, plantexa Olga Louzao.

 

Do mesmo xeito, Ciudadanos pregúntalle ao Goberno municipal se unha vez rescindido o contrato con Inca habería posibilidade de que a Fábrica da Luz fose xestionada directamente por parte do Concello.

 

Os paneis solares do Ceao

 

Da mesma época que a Fábrica da Luz é a área de demostración de enerxías alternativas municipal, composta por placas solares e un aeroxerador, ubicado no polígono do Ceao. Esta instalación foi inaugurada en maio de 2007 e custou 756.000 euros.

 

Ciudadanos quere saber “en que situación se atopa neste momento, se está producindo electricidade e se esta enerxía se está descargando á rede e xerando algún tipo de ingresos para o Concello ou se, pola contra, acontece o mesmo que coa Fábrica da Luz, parada e xerando gasto para as arcas municipais”.