Olga Louzao quere que Carmen Basadre explique en Comisión con cantos turuperadores se reuniu e a que acordos chegou con eles

Ciudadanos considera “un despropósito” que a Xunta, a Deputación, os Hostaleiros, consorcios como os da Mariña e a Ribeira Sacra e concellos coma os de Lugo, Viveiro ou Ribadeo acudisen “por libre e con cadanseu lema”

 

Lugo, 23 de xaneiro de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, avanzou esta mañá que esixirá ao Goberno municipal que dea explicacións na vindeira Comisión en relación á presenza do Concello de Lugo en Fitur. Ciudadanos quere saber cal foi o custo real para as arcas municipais e que resultado deron as xestións realizadas pola alcaldesa, Lara Méndez, e a concelleira Carmen Basadre, na Feira Internacional de Turismo celebrada a semana pasada en Madrid.

 

“Trátase en definitiva de saber se conseguiron máis turistas para Lugo ou simplemente foron facer turismo a Madrid”, argumentou Olga Louzao, que lembra que “a súa estancia na capital de España foi pagada con cartos de todos os lugueses e luguesas polo que é necesario coñecer os resultados acadados”.

 

Entre as preguntas que o grupo municipal de Ciudadanos presenta de cara á vindeira Comisión están cantas persoas, incluídas responsables políticos e persoal municipal, se desprazaron a Fitur e que custe supuxo para as arcas municipais, incluídos todos os gastos de desprazamento, estancia, dietas ou pago de servizos extraordinarios.

 

Tamén quere saber o grupo de Olga Louzao e Jesús Expósito se contou o Concello de Lugo con stand propio e cal foi o seu custo, que persoal se encargou da súa atención e que material promocional se levou e cal foi o seu custo.

 

En relación aos resultados, Ciudadanos quere saber que contactos mantiveron os responsables municipais durante a súa estancia en Fitur, con cantos turoperadores se reuniron, que contratos ou acordos se asinaron e se lles ofertou o Concello de Lugo algún paquete turístico que comercializar.

 

Sete lemas diferentes para promocionar a provincia de Lugo

 

Olga Louzao considera “un despropósito” que a provincia de Lugo acudise a Fitur “atomizada e con sete lemas diferentes”, xa que Xunta, Deputación, Hostaleiros, consorcios como o da Mariña e a Ribeira Sacra e concellos coma o de Lugo, Viveiro ou Ribadeo foron con cadanseu lema e con cadansúa estratexia promocional e pregúntalle a Lara Méndez e a Carmen Basadre “se consideran atinada esta estratexia turística e se mantivo a alcaldesa ou a concelleira de Turismo algún contacto previo co resto de Administracións e entidades relacionadas co turismo na provincia de Lugo de cara a unha promoción conxunta e a coordinar as distintas accións para evitar duplicidades e malgastar esforzos e recursos económicos e humanos” .

 

Consello Municipal de Turismo e contrato caducado dos museos municipais

 

Ademais de por Fitur, a voceira de Ciudadanos interésase tamén na súa batería de preguntas para a Comisión pola situación na que se atopa Consello Municipal de Turismo, creado hai case un ano, e quere que o Goberno diga “cando prevé que celebre a súa primeira reunión”.

 

O mesmo en relación ao contrato para a xestión dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos, en concreto desde o 23 de novembro de 2014. Ciudadanos pregúntalle ao Goberno municipal “cando prevé sacar a concurso o novo prego e en que situación ou fase de tramitación se atopa actualmente, tendo en conta que o contrato leva caducado máis de dous anos e ten un custo anual de 200.000 euros que se están a pagar de xeito irregular como lembra cada mes o interventor á hora de aboar a correspondente factura”, indica Olga Louzao.