Jesús Expósito afirma que é necesario mellorar o mantemento sobre todo nos centros escolares da periferia, como o da Ponte, o de Casás ou o Illa Verde, que son os que peor estado presentan
Ciudadanos segue insistindo en que se faga un colexio público no Cuartel de San Fernando que acolla aos nenos e nenas do casco histórico e dunha parte da Avenida da Coruña, adscritos neste momento ao Quiroga Ballesteros, e que presenta problemas de espazo e de falta de instalacións
Lugo, 20 de xaneiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos pedirá unha partida nos Orzamentos municipais deste ano 2017 destinada a subsanar todas as deficiencias existentes nos colexios públicos da cidade. “Moitas destas deficiencias perduran desde hai anos”, denuncia o concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito, que explica que “os centros escolares que peor estado presentan son os que se atopan na periferia, como o da Ponte, o de Casás ou o propio Illa Verde, e nos que é necesario acometer reformas e mellorar o mantemento”.
O concelleiro de Ciudadanos esixe ao concelleiro responsable da area de Educación, Manuel Núñez, “que faga uns Orzamentos verdadeiramente participativos reuníndose cos directores dos colexios e coas ANPAs para facer un listado de necesidades e unha programación para a súa resolución”, xa que considera que os 100.000 euros dos actuais orzamentos son “claramente insuficientes”.
Entre outras, Jesús Expósito detalla unha serie de deficiencias no colexio da Ponte, “que leva anos demandando unha pasarela cuberta que una os dous edificios do centro escolar que protexa aos cativos e cativas cando chove para evitar que se mollen cando van ao comedor ou ao ximnasio”. Neste colexio son necesarias tamén melloras nos patios exteriores. A pista deportiva descuberta está na mesma situación que no ano 1975, é de grava e herba e non se poden anclar as porterías, o que supón un evidente perigo porque poden caer e coller a algún neno ou nena, como xa se teñen producido accidentes deste tipo noutros lugares de Galicia. O espazo que separa os edificios e onde xogan os nenos e nenas no recreo, necesita tamén un reasfaltado, xa que a grava está solta e presenta pozas nas fochancas nas que se acumula auga.
Outro exemplo que pon Ciudadanos é o colexio Illa Verde, onde é preciso o acondicionamento do entorno da cancha deportiva exterior, xa que os taludes son de terra e cando chove a lama entra na pista e os nenos e nenas embárranse e levan a terra para as aulas. O Illa Verde, ao igual que outros colexios da cidade, tamén precisa mellorar o seu cerramento e illamento exterior, un problema que se repite noutros moitos centros de ensino. “Moitos dos colexios están mal illados e teñen ventás moi antigas”, denuncia Jesús Expósito, que lle pide ao Goberno municipal que lle esixa á Xunta obras de mellora da eficiencia enerxética como as que a Consellería de Educación está a acometer neste momento no colexio Rosalía e que redundarían “nun menor gasto en calefacción e nun maior confort dos alumnos e alumnas”, indica Ciudadanos.
Área de xogos infantís de area na Anexa
Ciudadanos denuncia tamén deficiencias nos colexios do centro da cidade, como na Anexa, onde o patio no que xogan os alumnos de educación infantil é de area e é inservible a maior parte do inverno e da primavera porque cando chove acumúlase a auga e está encharcado durante días non podendo ser usado. Jesús Expósito explica que a normativa europea prohibe os chans de area nas zonas de xogo infantil, por iso se foron substituíndo paulatinamente na maioría dos parques da cidade e pregúntase “como é posible que os chans de area non estean permitidos nos parques infantís desde hai anos e este patio, no que hai varios xogos infantís, siga sendo de area. Se non pode haber area baixo os xogos infantís nos parques tampouco baixo os xogos infantís dun colexio”, argumenta Expósito, que afirma tamén que o colexio da Anexa “ten un problema evidente de espazo”, polo que insta ao Goberno de Lara Méndez a “negociar coa USC e coa Consellería de Educación o traslado da Facultade de Maxisterio a outro edificio no campus universitario para que todo o edificio da Anexa se poida destinar a colexio público”.
Trasladar o Quiroga Ballesteros ao Cuartel de San Fernando
Outro dos colexios que ten un problema de espazo e de carencia de instalacións é o Quiroga Ballesteros, polo que Ciudadanos segue insistindo na súa proposta de que se estude a posibilidade de facer un colexio público no Cuartel de San Fernando en vez de destinar o edificio a Museo da Romanización. Jesús Expósito argumenta que este uso “revitalizaría moito máis o casco histórico que un museo” e considera que “a falla dun colexio público de dimensións axeitadas é unha das carencias actuais máis evidentes que hai dentro de murallas se de verdade queremos que o centro teña vida e recupere poboación”.
Ciudadanos afirma que o anteproxecto presentado no ano 2010, obra dos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj García, gañador dun concurso de ideas para a rehabilitación do edificio como museo e que propón unha intervención branda no inmoble, do século XVIII e que está declarado BIC, “adáptase perfectamente a un uso escolar”. De feito, moitos dos espazos deseñados, como a biblioteca, unha sala de usos múltiples de 150 metros cadrados ou un auditorio cun aforo de 100 persoas, servirían de destinarse a colexio. O propio anteproxecto prevé tamén “a transformación do patio interior nun espazo cuberto”, polo que tamén sería aproveitable como patio escolar, ao que se engadiría o espazo libre resultante na parte traseira despois de que se tiraran xa neste momento as antigas cuadras de cabalos do vello cuartel e se vaia derrubar tamén agora a lavandería anexa. En total, o edificio dispón de 4.250 metros cadrados, dos que máis de 2.000, os previstos para zona expositiva, almacéns e arquivo, poderían destinarse a aulas. Este anteproxecto, ademais, habería xa que modificalo de todos os xeitos, pois nalgúns aspectos non se adapta ao permitido para un edificio declarado BIC, polo que Ciudadanos pide que se aproveite esa modificación para cambiar o uso de museo a colexio. Para Ciudadanos, o investimento previsto para o Museo da Romanización, de máis de 10 millóns de euros, “chega para facer o colexio”.
O Quiroga Ballesteros é o único colexio público que hai neste momento no centro de Lugo pero ten carencias evidentes en canto a capacidade e instalacións polas súas reducidas dimensións. Ciudadanos plantexa ademais que “ao destinar o Cuartel de San Fernando a colexio público podería destinarse o actual colexio Quiroga Ballesteros, que está enfronte, a escola infantil pública, da que tamén carece o casco histórico, co que se pecharía o ciclo educativo obrigatorio dentro de murallas sumando o instituto Xoán Montes”.