Olga Louzao propón tamén unha modificación completa do recibo do IBI para que as familias paguen menos pola súa vivenda habitual e os pisos que estean baleiros paguen máis

 

Ciudadanos propón tamén que os establecementos comerciais poidan reservar unha praza de estacionamento diante dos seus negocios destinada a que aparquen os seus clientes, que a tarxeta cidadá sexa gratuíta, que se bonifique a taxa por licenzas das obras que melloren a eficiencia enerxética das vivendas, que se inclúan as familias monoparentais na bonificación para as escolas infantís e que se aplique un criterio de renda ás familias numerosas

 

Lugo, 18 de xaneiro de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, propuxo esta mañá unha serie de modificacións na fiscalidade municipal de cara á xuntanza convocada para mañá entre o Goberno municipal e os distintos grupos políticos para abordar posibles cambios nas Ordenanzas Fiscais de 2018. Louzao considera “prioritario” establecer unha fiscalidade municipal “máis xusta e progresiva sen que se produza unha merma de ingresos por parte do Concello para poder manter o nivel de servizos que presta e mesmo poder incrementalos”. Neste sentido, Ciudadanos considera que “hai que empezar por actualizar o rueiro fiscal, revisando a categoría tributaria na que están encadradas as distintas rúas da cidade, unha tarefa que o Goberno municipal non foi capaz de acometer este ano”.

 

Outro dos piares da proposta de revisión de Ordenanzas de Ciudadanos fai referencia á creación de emprego e ao fomento da actividade económica dentro do termo municipal de Lugo, con toda unha batería de iniciativas e bonificacións fiscais destinadas a captar empresas ou incentivar a contratación de traballadores. “Tan importante é tentar equilibrar de forma xusta a presión fiscal dos cidadáns como adoptar medidas que potencien a economía e a creación de emprego na nosa cidade”, argumenta Olga Louzao, que afirma que as propostas que fai Ciudadanos “fomentan a creación de emprego e a actividade comercial, son sustentables para a economía municipal e beneficiosas para a cidadanía”.

 

Ciudadanos quere atraer que novas empresas se asenten no municipio mediante unha rebaixa de impostos durante os dous primeiros anos. Así, propón unha bonificación do 25% durante este periodo no IAE e no Imposto de Construcións e Obras ás empresas que elixan Lugo para o desenvolvemento da súa actividade.

 

Outra das novidades que propón Ciudadanos ao Goberno municipal son medidas fiscais para fomentar a creación de emprego no municipio. Neste sentido, Ciudadanos propón bonificar nos principais impostos municipais (IBI, IAE, ICIO e Plusvalías) a aquelas empresas que incrementen a súa plantilla con contratación de novos traballadores. A bonificación sería do 5% por cada novo traballador até un máximo do 25%.

 

Tamén unha bonificación do 10% no IAE a aquelas empresas que produzan enerxía a partir do aproveitamento de enerxías renovables ou que estean en posesión do certificado de sustetabilidade na xestión medioambiental.

 

Transmisión de negocios a descendentes

 

Do mesmo xeito, Ciudadanos tamén propón medidas para fomentar a actividade comercial destinadas aos pequenos negocios, como bonificacións no pago de plusvalías no caso de transmisión de negocios familiares cando o sucesor sexa un familiar directo.

 

Olga Louzao tamén fai unha proposta novidosa destinada a favorecer a actividade comercial na cidade. Consiste na posibilidade de que, previo pago dunha taxa, os establecimentos comerciais poidan reservar diante do seu negocio un estacionamento destinado a que poidan aparcar os seus clientes para facilitar así as compras. O importe desta taxa variaría en función de onde estivese ubicado o establecimento dependendo da categoría fiscal da rúa onde se atope.

 

Cambios no IBI para gravar as vivendas baleiras

 

Do mesmo xeito, Ciudadanos considera que é necesario actuar sobre o Imposto de Bens Inmobles, que supón “a auténtica columna vertebral da recadación municipal, ao supoñer o IBI uns ingresos de 22 millóns de euros anuais para o Concello, o que representa unha cuarta parte do Orzamento municipal”. Ciudadanos propón “unha reforma en profundidade deste imposto para que as familias paguen menos pola súa vivenda e, sen embargo, aporten máis as segundas vivendas e os pisos baleiros”.

 

Olga Louzao explica que o actual gravame fixado polo Concello de Lugo sitúase no 0,67% do valor catastral da vivenda cando a Ley de Haciendas Locales permite establecelo entre o 0,4% e o 1,1% polo que “hai marxe de manobra para acometer esta reforma”, afirma a voceira de Ciudadanos, que propón tres cuotas diferenciadas para a primeira vivenda e as sucesivas en función de se estas están alugadas ou baleiras. Segundo a proposta remitida por Ciudadanos á concelleira de Economía, Ana Prieto, a vivenda habitual pasaría a pagar o 0,50% do valor catastral, as vivendas alugadas 0,70% e as vivendas baleiras o 1%. “Non é xusto nin lóxico que pague o mesmo unha familia que só posúe unha vivenda, que é na que vive, que as persoas que teñen dous ou máis inmobles”, xustifica Olga Louzao.

 

Equilibrar servizos deficitarios

 

Olga Louzao tamén fará fincapé mañá na reunión negociadora cos demais grupos municipais na necesidade de “adoptar medidas para ir equilibrando paulatinamente o déficit que producen nas arcas municipais servizos como o da auga ou o do guindastre”. No caso da taxa por retirada de vehículos da vía pública, Ciudadanos propón subila ao atoparse por debaixo do que se cobra noutras cidades galegas tendo en conta ademais que “na totalidade dos casos o seu cobro débese ao incumprimento da normativa de estacionamento”. O guindastre é un servizo claramente deficitario que custa ás arcas municipais 500.000 euros ao ano mentras só ingresa un 10% desa cantidade, en torno a 50.000 euros, e para o que hai un acordo plenario para a súa municipalización, dado que neste momento está a ser prestado por parte dunha empresa sen contrato.

 

No caso do servizo de abastecemento de auga potable, e malia que a lexislación comunitaria establece especificamente que este servizo debe ser sostible económicamente, así como a obrigatoriedade de trasladar ao recibo o custo da execución de novas infraestruturas, é absolutamente deficitario para o Concello de Lugo, que gasta 6,1 millóns de euros anuais en prestar este servizo básico tanto aos domicilios como ás distintas empresas radicadas no municipio mentras que só ingresa 3,9 millóns en concepto de recadación por recibos. O déficit do servizo ronda polo tanto o 36%. Outro tanto pasa co servizo de saneamento e depuración de augas residuais, que ten un custo de 3,6 millóns de euros ao ano mentras que os ingresos só supoñen 2,1 millóns.

 

Por iso, Olga Louzao considera “irresponsable” ter mantido conxeladas estas taxas durante os últimos catro anos, os dous últimos de Orozco como alcalde e os dous primeiros de Lara Méndez, sen lles ter aplicado nin sequera o incremento do IPC, “posto que o desequilibrio increméntase ano a ano tendo que ser sufragado vía orzamento municipal dun xeito moito menos equitativo porque non ten en conta o criterio de que quen máis consume máis paga”, indica.

 

Bonificacións nas obras de eficiencia enerxética en vivendas

 

Ciudadanos tamén propón bonificar a taxa por licenzas daquelas obras que inclúan unha mellora na eficiencia enerxética das vivendas, como a que xa existe para a mellora estética das fachadas ou as obras de accesibilidade, e ampliar a bonificación existente para a rehabilitación de vivendas no casco histórico a aqueles inmobles que se atopen fóra da zona Pepri que sexan edificios históricos cunha antigüidade superior a 100 anos. Do mesmo xeito, Olga Louzao propón un desconto do 25% nas licenzas de primeira ocupación cando se produza un retraso na súa concesión de máis de tres meses sobre o prazo legalmente establecido, posto que “supón un prexuizo claro para o solicitante por unha demora achacable ao mal funcionamento do Concello”.

 

Ciudadanos é partidario tamén de incrementar as cuantías que pagan os caixeiros automáticos por aproveitamento da vía pública e de facelo en función da categoría da rúa na que se atopen. Do mesmo xeito, Ciudadanos propón a gratuidade da tarxeta cidadá, que actualmente custa 3 euros, como medida para facilitar que toda a cidadanía poida dispór desta tarxeta e potenciar deste xeito o uso do transporte público. Ciudadanos tamén quere que se inclúa ás familias monoparentais na bonificación xa existente do 20% que se aplica ás familias numerosas que levan os seus nenos ou nenas ás escolas infantís municipais e que se teñan en conta os ingresos da unidade familiar.